¿E se Prisciliano repousa na Ermida?

xosé estévez QUIROGA

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O autor suxire que os restos do bispo executado por herexe no século IV poden estar en Quiroga

11 jun 2017 . Actualizado a las 17:28 h.

Prisciliano foi un atraente e carismático persoeiro que nace cara o ano 350 nun lugar da antiga Gallaecia. Foi consagrado bispo de Ávila cara o ano 381 e axustizado en Tréveris no 385 por orde do emperador usurpador Máximo, baixo as acusacións de maniqueísmo e maxia, vertidas por algúns dos bispos opoñentes, exasperados e temerosos da expansión da súa doutrina, de contido socialmente reivindicativo e de fácil asimilación para o pobo sinxelo.

A lenta penetración do cristianismo no campo galego, algo semellante ao que aconteceu no País Vasco, permitiu que durante unha longa tempada perdurase a vella relixión pagán naturalista, ou polo menos moitos restos dela, reflectindo ao mesmo tempo as contradicións das clases sociais antagónicas. O priscilianismo era unha modalidade máis popular, aínda que algúns membros da clase alta a adoptasen, social, ecléctica, simbiótica, non oficial do cristianismo, difundida no medio rural galego, que procuraba compaxinar a anterior relixión indíxena coa nova emerxente.

Os cadáveres de Prisciliano e dos discípulos que foron executados xunto con el, foron trasladados a un sitio innominado da antiga Gallaecia polos seus seguidores, que os consideraban mártires e lles daban culto.

No corpus doutrinal priscilianista existían facianas moi suxestivas, que gustaban ás camadas populares e a diferenciaban dos preceptos do cristianismo oficial, asimilado, integrado e identificado co sistema político de poder dende o edito de Milán, promulgado, aínda que algúns o neguen, por Constantino o ano 313.

A participación das mulleres con plenos dereitos na comunidade, o estudo da e sesións de lectura da Biblia (incluídos textos apócrifos), con participación de mulleres e escravos, a crenza nun Deus único, non trinitario, a celebración de xuntanzas de homes e mulleres, adoito nocturnas, nos bosques, nos montes e en covas ou villae alonxadas das cidades, substitución do pan e viño na consagración por leite e uvas, bailes nos actos litúrxicos, ausencia das igrexas durante a coresma, oracións nos montes aos que ían descalzos, reparto de bens aos necesitados, a oración en público, os cantos e as danzas diante dos santuarios, que aínda subsisten nas nosas romarías coma a da Ermida a cargo das Pampórnigas e o Meco, a recepción das especies eucarísticas na igrexa sen consumilas de xeito inmediato, arredamento en celas e retiros nas montañas, a chamada a unha vida austera e ascética, a preferencia pola castidade e o celibato, as diatribas e críticas contra a riqueza material, o xexún dominical, a tendencia ao alegorismo e á astroloxía, o andaren descalzos (o que tiña connotacións máxicas naquela época), a oración nocturna, as críticas contra a rixidez e fasto da xerarquía eclesiástica oficial, as propostas a prol do reparto e comunidade de bens e certas diferenzas dogmáticas eran todos eles elementos que chocaban cos presupostos ideolóxicos e pragmáticos da Igrexa oficial.

Por outra banda, a interpretación do priscilianismo hai que encadrala nun contexto histórico concreto, o século IV, de afundimento do imperio romano e do mundo antigo, coa súa secuela de alteracións sociais, económicas e políticas e unha efervescencia ideolóxica. Os trastornos manifestáronse mediante formas de violencia como as protestas populares, o bandoleirismo social como o das bagaudas, con intensa repercusión na parte chá do País Vasco e a irrupción no imperio das tribos xermánicas. As convulsións tamén afloraron no espello da discrepancia ideolóxica, con derivacións sociais, contra o ordenamento que o cristianismo oficial tentaba impoñer. Este sería o caso do priscilianismo.

Prisciliano ergueuse contra o sistema eclesiástico oficial de poder e a forma de vida do alto clero, que abandona os principios da igrexa primitiva e favorecía aos privilexiados. Predicaba unha vida austera, mortificada, de pobreza e comunidade de bens, promovendo a creación de comunidades que vivían do traballo agrícola e fuxían dos ditames opresivos xerárquicos. Amosábase seareiro dunha meirande igualdade social e de xénero, acudía a un certo esoterismo e práticas panteístas tradicionais, polo que a súa doutrina facíase grata e accesible ao pobo sinxelo e humilde. A xerarquía eclesiástica decatouse do perigo disolvente e destrutor do seu statu quo por parte do priscilianismo. Logrou a intervención do poder político, acadando a condena a morte do herexe principal e dos seus seis discípulos máis íntimos, mediante as acusacións de maxia e maniqueísmo, rituais de danzas nocturnas, emprego de plantas abortivas e a prática de astroloxía cabalística.

Un modelo de reforma

A verdadeira desgraza de Prisciliano non estivo na súa disidencia dogmática, que era mínima, senón en propoñer un modelo reinstaurado de igrexa e de sociedade, cunha volta aos valores e prácticas do cristianismo primitivo, coa súa evidente carga revolucionaria. Este deseño enfrontábase coa capa dirixente clerical, instalada xa no cumio económico e social baixo o manto e amparo do poder político, a quen lle interesaba a función opiácea da xerarquía nun intre de especiais dificultades de supervivencia.

A lembranza e o culto a Prisciliano perdurarían en Galicia deica o século VII e incluso algúns quixeron observar a súa supervivencia en certas crenzas encol do carácter sagrado dos montes, fontes e rochas, o rexurdimento temperán do eremitismo. Encol do lugar de enterramento de Prisciliano na Gallaecia existen varias hipóteses. A da súa inhumación na necrópole de Santiago de Compostela, en lugar de Santiago Apóstolo, foi sustentada polo francés Monseñor Duchesne, a comezos do século XX, e admitida por diferentes historiadores. Pero tamén contamos con outras teorías. Para o bispo Guerra Campos non sería desatinado afirmar que o corpo de Prisciliano e os seus discípulos acougarían xunto a capela dos Mártires de Valga (Pontevedra). O arqueólogo Augusto Piay inclínase por situalo en Astorga, no desaparecido mosteiro de San Dictinio, e para o galeguista Celestino Fernández de la Vega non sería desaxeitado que os seus restos repousasen no monumento de Santa Eulalia de Bóveda, en Friol.

A personalidade de Prisciliano e o seu movemento suscitaron sempre un extraordinario interese e foi tratado por numerosos autores, e entre os máis recentes está o director do museo xeolóxico e do etnográfico de Quiroga, Ramón Vila Anca, incansable activista cultural da bisbarra. Recentemente profundaron no tema dous rapaces do IES quirogués, Emilio González e Mario Quiroga, con atinadas reflexións. Incluso tivo os honores dunha película, A Vía Láctea, dirixida nada menos que polo insigne Luis Buñuel.

Eu son leigo na materia, pois é unha época que fica moi lonxe das miñas investigacións, pero levo varios anos lendo e estudando o tema. Para min os restos de Prisciliano poderían atoparse, unha hipótese suxestiva, na Ermida, un antigo castro e un santuario cunha Virxe moi venerada na bisbarra, un curruncho recóndito abeirado de posibles profanacións. Só sería demostrable o contrario se se levasen a cabo escavacións arqueolóxicas na igrexa e nos arredores, xa que levan sen realizarse dende hai moitos anos. Existen competentes, experimentados e desapaixonados arqueólogos que coñecen a bisbarra e ben poderían efectuar ese arduo labor, que precisa métodos científicos. Por outra banda, para min sería unha grande honra equivocarme, pois a ética profesional dun auténtico historiador así o esixe.

O famoso Crismón, xa sexa unha mesa de ofrendas como sostiña o investigador xermano Schlunk, xa formase parte dun monumento funerario erixido para un terratenente cristián, tal como afirmaba Xaime Delgado Gómez, posúe un fondo simbolismo priscilianista. Esta relación foi suxerida polo historiador P. de Palol en 1975 e no ano 2009 reafirmada polo xa citado Gabriel Sánchez nun artigo publicado en francés, aínda que recoñece que non hai probas concluíntes.

Aduce este investigador varios argumentos vinculados ao contido, á forma e ao contexto: a frase inserida no crismón contra a riqueza e a procura da propia felicidade («o ouro sexa vil para ti, abátese a prata, só brilla pola túa propia felicidade»), a crítica do ouro nunha zona rica nel, a forma redondeada astral, a bisbarra pertencente ao Conventus Asturicense, en cuxa capital e diocese, Astorga, gobernaba un bispo priscilianista. Todo apunta a unha orixe priscilianista do crismón, que, segundo Gabriel Sánchez, «formaría parte dunha antiga igrexa comandada por un bispo que seguía as doutrinas de Prisciliano. Os restos desa antiga construción quizais se atopen nos arredores da actual igrexa de Nosa Señora de Ermida ou acaso baixo os seus cimentos». O padre Sánchez aínda se esqueceu de mencionar outros elementos: os bailes rituais na procesión e a presencia do Meco na procesión da festa maior o 8 de setembro. Non sería o Meco a personificación de Prisciliano, a quen a igrexa oficial lle prohibía entrar na templo para amosar que era un herexe demoníaco e así desanimar aos seu seareiros?

Animo ás autoridades competentes para que promovan escavacións no lugar citado. Poderían atoparse grandes e felices sorpresas, que axudarían non só ao esclarecemento da verdade, senón tamén ao atractivo turístico da bisbarra, necesitada dun urxente e aguilloador pulo económico.

Prisciliano era partidario dunha meirande igualdade social

«O ouro sexa vil para ti», pódese ler no Crismón atopado na Ermida