A historiadora Saleta López descubriu un elemento ignorado nun monumento emblemático da Ribeira Sacra
07 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Os únicos planos utilizados para construír o santuario de Cadeiras -no municipio de Sober- que se coñecen ata agora están gravados na pedra no interior do propio templo. A historiadora soberina Saleta López descubriu recentemente estes deseños mentres realizaba unha investigación sobre os antigos retablos das igrexas do municipio e ten previsto dedicarlles un traballo que se publicará máis adiante nalgunha revista especializada.
O costume de trazar planos de obra nos muros e nos pavimentos das construcións, segundo explica López, estivo moi estendido nos tempos en que escaseaban o papel e o pergamiño. «O que pasa é que se conservan moi poucos porque normalmente eses deseños eran despois picados para deixar a pedra lisa», sinala a investigadora. «Hoxe é moi difícil encontralos, pero na Ribeira Sacra hai algún outro caso, como a igrexa de Nogueira de Miño, en Chantada, e o Colexio da Compañía, en Monforte», engade.
No santuario de Cadeiras, os deseños están repartidos en diferentes puntos do piso do corredor central da nave do templo. «As pedras onde se gravaron as trazas da obra foron cortadas para facer o pavimento e os debuxos están agora incompletos e dispersos como se fose un quebracabezas», indica Saleta López. Por iso é difícil determinar a que parte do edificio corresponden, pero a historiadora considera que puideron usarse para construír a capela maior.
Perdidos nos arquivos
López cre por outro lado que tamén pode haber planos do templo trazados en papel e que posiblemente se conservan nos arquivos históricos da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid. «Hai algúns documentos que indican que a obra foi autorizada por esa institución, que xa existía daquela, pero para localizar eses planos nos arquivos faría falta unha investigación longa e paciente que espero poder realizar algún día», agrega.
Unha obra do século XVIII que se atribúe a un personaxe lendario
O santuario foi terminado en 1795, segundo unha inscrición gravada na fachada, pero a falta de documentos históricos impide saber con certeza cando comezaron as obras nin quen as promoveu. Unha tradición popular recollida pola asociación cultural O Colado do Vento di que o templo comezou a ser construído por un indiano coñecido como o Coxo de Bulso, que ao parecer se enriquecera de forma ilícita nas Américas, talvez cometendo algún crime.
De acordo con esta lenda, o párroco de Pinol convenceu ao Coxo de Bulso para que expiase as súas culpas utilizando a súa fortuna para levantar este importante santuario á beira do canón do Sil. Non obstante, o indiano e o sacerdote acabaron inimizados por cuestións de diñeiro e por iso o edificio quedou inacabado. «É posible que esa tradición teña unha base real, como ocorre con moitas outras, aínda que as cousas non sucedesen exactamente da mesma maneira que na historia que chegou ata nós», opina Saleta López. «O que si se sabe, porque consta nalgúns documentos, é que para financiar as obras do santuario se recolleron esmolas non só en Sober, senón tamén en varios arciprestados da diócese», agrega.