Os amigos do Camiño de Inverno pretenden reforzar o vínculo histórico da ruta con Nápoles

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

27 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra presentou onte en Monforte o seu programa de actividades para este ano, no que o colectivo pretende resaltar os vínculos históricos entre o Camiño de Inverno e a cidade de Nápoles. «Ao promocionar a ruta non se debe esquecer que o sétimo conde de Lemos foi virrei en Italia e que desta relación quedaron moitas pegadas en Monforte e Nápoles», apuntou a este respecto Aida Menéndez, a presidenta do colectivo.

Por tal motivo, a asociación iniciará mañá as súas actividades cunha visita guiada -ás 10.00 horas- ao museo de arte sacro do convento de Santa Clara, fundada polo conde Pedro Fernández de Castro e a súa dona Catalina de la Cerda, onde se gardan numerosas pezas artísticas de orixe napolitana. Por outra parte, o colectivo organizará durante a primeira semana de xullo unha visita a Nápoles na que está previsto manter encontros con diferentes institucións para reforzar esta relación e promocionar á vez o Camiño de Inverno. Nesta iniciativa, a asociación contará co apoio da historiadora monfortina Manuela Sáez, que estuda o legado histórico do conde de Lemos en Nápoles e ten numerosos contactos na cidade italiana.

Percorridos programados

Por outro lado, a asociación organizará ao longo deste ano cinco percorridos polo Camiño de Inverno, outros sete polo Camiño Inglés e unha excursión a Madrid. O programa comprende tamén tres xornadas de marchas e visitas culturais polo Camiño Francés na provincia de Palencia, a principios de maio. Para setembro están previstas unhas xornadas de divulgación do patrimonio que se desenvolverán na Pobra do Brollón e que se centrarán nos castros de Cereixa e Barxa de Lor e nas adegas de Vilachá. En outubro celebrarase a terceira edición da Andaina Escolar, en colaboración con centros educativos do sur lucense.

Así mesmo, a directiva da asociación lamentou que no 2017 o baixo do antigo hotel Comercio non fose dedicado na súa totalidade a un centro de acollida a peregrinos e anunciou que seguirá insistindo neste sentido.