![](https://img.lavdg.com/sc/8KhHEM3FCKgQQzekABQia7C4-UE=/480x/2018/02/08/00121518125281232930584/Foto/MF9C11F4_222643.jpg)
A dramaturga e directora escénica Eva F. Ferreira, que dirixe a escola municipal de teatro de Sober, foi seleccionada xunto con outros nove autores para tomar parte no proxecto DramaturXa 2018, que promove o Centro Dramático Galego (CGD). Os participantes nesta iniciativa manterán reunións periódicas ao longo de seis meses co coñecido dramaturgo e director Manuel Lourenzo coa finalidade -segundo indican desde o CDG- de «reflexionar sobre a identidade galega» e desenvolver cada un deles unha peza teatral sobre esta cuestión. «Sabemos de onde partirán, pero non ata onde poden chegar», apuntan os responsables. De entre estas dez pezas, tres serán seleccionadas para seren levadas a escena de forma conxunta como unha nova produción propia do Centro Dramático Galego.
O goberno municipal de Sober felicitou a Eva F. Ferreira polo feito de ter sido selecionada para este proxecto «entre numerosos profesionais da escena de todo o país». A dramaturga, natural de Ourense, recibiu en dúas ocasións o premio Diario Cultural de teatro radiofónico -concedido polo Centro Dramático Galego e Radio Galega- polas pezas tituladas respectivamente Poema sinestésico para tres voces e un can e O quinto inverno.