Lucía Pérez cantará á Serra do Courel no novo disco do gaiteiro Marco Foxo

La Voz

LEMOS

ÓSCAR CELA

22 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A cantante Lucía Pérez, natural do O Incio, participará no próximo disco do gaiteiro Marco Foxo, que está actualmente en proceso de gravación, con dúas cancións relacionadas coa tradición musical da Serra do Courel. Por unha parte, a intérprete cantará o Romance de dona Ildara, baseado nun personaxe lendario que -segundo a tradición- viviu no castelo de Carbedo. Esta figura foi tratada por diversos escritores, como Manuel Murguía e Uxío Novoneyra. A cantante interpretou esta canción o pasado 4 de xaneiro, durante o concerto de Reis da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. No disco estará acompañada por sons de violín, zanfona e organistrum, un instrumento medieval de corda que está representado nas esculturas do Pórtico da Gloria.

Uxío Novoneyra é o autor da letra da outra canción que cantará Lucía Pérez no disco, titulada No bicariño do bico do brelo. A música deste tema foi composta por Gerardo Fernández López, membro da antiga orquestra local Os Padernes, falecido en 1987. Con motivo desta gravación fíxose unha harmonización da melodía para saxo, clarinete e trompeta.

Marco Foxo editou con anterioridade dous discos. Un deles, que leva o seu nome, apareceu no 2010. Dous anos despois gravou Músicas do gaiteiro de Ventosela. Lucía Pérez publicou ata agora seis álbumes.