
Pedro Rodríguez, gañador do premio ao mellor branco, destaca a sona que chegaron ter eses viños en Amandi
27 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O día despois da Feira do Viño de Amandi tamén foi movido para Pedro Rodríguez, de Adega Guímaro, gañador do premio ao mellor viño branco, que se creou nesta edición. A primeira hora da mañá, tiña na adega aos seus importadores en Nova York, Skurnik Wines. Onte tocaba cata e visita ás viñas con eles. As exportacións hai tempo que deixaron de ser unha anécdota para Guímaro. Xa vende fóra de España un 40% da produción.
-Coa visita ás viñas seguro que se vende mellor o viño.
-Neste caso, xa tiñan estado nelas. Penso que xa prefiren ir á adega para catar, tamén lles gustan os viños [risas].
-Primeira cata de brancos en 38 edicións da feira. ¿Que lle pareceu a idea?
-Está moi ben. Igual había que facer outra de colleitas anteriores e unha cata popular, como a que fan en Chantada. Á xente gústalle participar.
-¿Mellor godello só ou con mestura?
-O viño que gañou o premio leva un 70% de godello. O resto é treixadura, albariño, loureira e torrontés. Danlle máis acidez e un toque diferente, sen que se perda a personalidade do godello.
-O branco tiña moita sona en Amandi, ¿descoidouse?
-Na época dos meus avós, os brancos eran moi apreciados. Cando se quería facer un agasallo, elixíase branco e non tinto. Eran viños de cepas de xerez, con moita cor, porque a uva fermentaba coas peles. Supoño que ao ser máis escasos tamén se lle daba máis valor.
-Os novos brancos seguen a selo.
-Penso que na última colleita estivemos nos 300.000 quilos de uva branca en toda a Ribeira Sacra. Estase a plantar viñedo, pero aínda así é moi pouco. A demanda creceu nos últimos anos, antes era impensable pensar en competir con Rías Baixas ou Ribeiro.
-¿Que cambiou?
-O godello púxose de moda. Ten unha boca amable que lle gusta moito á xente. Posiblemente se mire máis a variedade que a zona de procedencia. E na Ribeira Sacra é unha uva sempre houbo nas viñas.
-¿A cantos países exportan viño?
-Vendemos xa en quince países. Acabamos de entrar en Bélxica e Israel.
-¿Israel?
-Si, o noso importador en Nova York, Michael Skurnik, facilitounos o contacto con eles. Viñeron visitarnos na feira Fenavin para catar os viños e acaban de facer un primeiro pedido.