«O meu libro fala sobre todo de min, é un exercicio de liberdade persoal»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Mónica Sánchez presentou onte a súa primeira obra, «Ad inferos», que combina a poesía literaria e a visual

24 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural da parroquia de Reigada, Mónica Sánchez Rodríguez presentou onte na Feira do Libro de Monforte o seu primeiro libro, o poemario Ad inferos, que acaba de ser publicado pola editorial Chan da Pólvora, dirixida polo escritor e editor monfortino Antón Lopo.

-Unha parte do seu libro está composto de poemas escritos e outra parte de imaxes. ¿A que se debe esta estrutura?

-As imaxes non son ilustracións dos poemas literarios, senón poemas visuais independentes dos anteriores. O libro é así porque empre traballei con poemas e fotografías e esta é a miña maneira de expresarme.

-Na obra hai moitas alusións á mitoloxía clásica.

-Si, porque para min a mitoloxía clásica foi moi importante. Crieime nun ambiente moi católico desde cativa e descubrir esa mitoloxía foi un choque moi forte. Impactoume moitísimo coñecer obras como as Metamoforses de Ovidio. Iso fixo que me formulase interrogantes que non me sabían responder.

-¿Como resumiría o que pretende expresar este libro?

-É como un axóuxere de liberdade, un exercicio de da liberdade persoal. O título alude ao descenso de Ulises aos infernos que se conta na Odisea. Hai como un paralelismo con ese viaxe de Ulises, que sae do inferno destrozado pero libre. O que fago nos meus poemas é furgar na miña memoria para saír despois dela e intentar buscar a liberdade. É unha memoria rural e urbana, porque eu me criei entre eses dous mundos. Tamén hai referencias á figura da muller, ao feminismo, ao mundo dos animais, ás cousas que me rodean... O libro fala sobre todo de min.

-¿Qu é o que máis lle interesa como lectora de poesía ou de literatura en xeral?

-Influíume moitísimo o poeta pintor inglés William Blake. Entre os escritores galegos actuais interéresanme, por exemplo, Emilio Arauxo, Gonzalo Hermo ou Francisco Cortegoso. Ademais de poesía, tamén leo moitos ensaios para intentar coñecer as entrañas da xente. E aparte da literatura interésome pola arte en xeral, por todas as formas de expresión artística.

-Para os novos escritores galegos, ¿resulta fácil publicar a primeira obra?

-Non é nada doado, e ante estas dificultades hai moitos que se encontran co dilema de escribir so para ti mesmo ou ben deixar de escribir. Eu tiven a sorte de coñecer a Antón Lopo e á xente da editorial que dirixe, que me deron esta oportunidade. Quedei moi contenta co traballo que fixeron co meu libro.

-¿Ten algún outro proxecto literario en marcha?

-Non teño un proxecto concreto, pero sigo escribindo e experimentando coa poesía visual. Destes traballos pode ir nacendo pouco a pouco un novo libro, como sucedeu con este.

 

12.30 horas

Na Feira do Libro presentarase unha nova edición de Os eidos, de Uxío Novoneyra

18.00 horas

Rocío López asinará exemplares de Nunca fuimos buenos

18.30 horas

Presentación do libro Galeguia, de Manuel Miragaia

20.00 horas

A escritora Teresa Moure presenta Não tenho culpa de viver

21.00 horas

Presentación do poemario Corpo, de Antón Lopo