O tradicional carnaval do Oso da Pobra abrirase o 3 de marzo coa proxección do filme «Mar de terra»
15 feb 2019 . Actualizado a las 17:26 h.O programa das festas de carnaval do municipio da Pobra do Brollón comprenderá a proxección do filme Mar de terra, unha longametraxe documental realizada por iniciativa do célebre acordeonista vasco Kepa Junkera, que recolle escenas dos entroidos tradicionais de Salcedo e Chantada. A película foi proxectada por primeira vez na última edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, a finais do pasado novembro, e ata agora non fora mostrada en público no sur lucense.
A proxección terá lugar no local multiusos de Salcedo o 3 de marzo, na véspera da saída do Oso que protagoniza o festexo. A sesión comezará ás 17.00 horas e contará coa presenza do realizador ourensán José Antonio Blanco, director da película e coautor do guión xunto co propio Kepa Junkera. O músico non poderá asistir ao acto debido ao seu actual estado de saúde, xa que se está recuperando dun ictus que sufriu en Bélxica a principios de decembro.
O filme Mar de terra está dedicado a diversos entroidos tradicionais galegos, como os de Manzaneda, Laza, Verín, Xinzo de Limia e Viana do Bolo, ademais dos do sur lucense. As imaxes que recollen a festa do Oso de Salcedo e o Entroido Ribeirao chantadino foron filmadas o ano pasado durante a celebración destes festexos. Segundo explica Juan Carlos González, presidente da asociación de amigos do entroido tradicional de Chantada, o músico e o equipo de filmación estiveron na parroquia de Santiago de Arriba o Domingo de Entroido -penúltimo día dos festexos- e o seguinte luns as gravacións realizáronse en Salcedo.
González sinala por outro lado que a súa asociación espera poder organizar máis adiante unha proxección da película en Chantada. «Pero preferimos esperar ata que Kepa Junkera estea restablecido e poida vir aquí, porque nos gustaría que estivese presente ese día», explica.
O músico mantén desde hai anos unha estreita relación cos entroidos tradicionais do sur lucense e doutras partes de Galicia, que ocupan un importante papel no seu disco Galiza, editado no 2014. Junkera ten visitado con frecuencia os escenarios destes festexos e en decembro do 2017 actuou en Salcedo no Festival Mais -un concerto solidario que tiña por finalidade reunir alimentos para persoas necesitadas- en compañía dos personaxes típicos do carnaval do Oso e do Entroido Ribeirao.
Segundo explicaron no seu momento os responsables do proxecto, a idea de realizar este filme surxiu de forma improvisada e as gravacións foron feitas en poucas xornadas. Mar de terra é a primeira longametraxe de Blanco, que tamén codirixiu o docudrama Podrías ser ella, premiado no Festival de Málaga.
Os programas de dúas festas singulares
O primeiro dos entroidos tradicionais do sur lucense que empezará a celebrarse este ano é o de Chantada. A continuación detállanse os actos previstos nestes dous festexos.
Entroido Ribeirao. A primeira xornada será o día 17. Ás 12.00 haberá un desfile na capital municipal con personaxes deste carnaval e dos entroidos de Salcedo, Viana do Bolo, Bande e Campobecerros, no municipio de Castrelo do Val. Na parroquia de Santiago de Arriba, os volantes, peliqueiros e mecos farán aparición a partir das 16.00 horas. O festexo nesta localidade seguirá o mesmo horario de inicio nas seguintes xornadas, o Domingo Corredoiro -día 24-, o Domingo de Entroido -3 de marzo- e Martes de Entroido, o 5 de marzo. O festexo rematará co chamado choro do pucho.
Entroido de Salcedo. Comezará o 3 de marzo. Despois da proxección de Mar de terra, ás 18.00 horas sairá un pasarrúas con madamas e danzantes. Ás 18.30, o músico Tico -antigo cantante e teclista do grupo Yellow Pixoliñas- pronunciará o pregón. Ás 20.00 comezará un baile co Dúo Camelia e ás 22.00 haberá unha sesión de teatro popular, seguida dunha verbena coa orquestra Os Trovadores. O día 4, o Oso e os seus criados saíran ás 17.00 horas. Pola noite -a partir das 22.00 horas- haberá unha cea popular e un baile coas orquestras Capitol e Israel. O día 5, ás 18.00 horas, haberá un espectáculo para nenos con Peter Punk Pallaso e ás 21.00 comezará unha paellada e un baile coa orquestra Los Satélites.