«No Courel quedei chocado co abandono dos camiños»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Xosé Fortes —na imaxe, na súa biblioteca— publicou varias obras sobre o mundo rural galego
Xosé Fortes —na imaxe, na súa biblioteca— publicou varias obras sobre o mundo rural galego RAMON LEIRO

Fortes, que visitou a serra hai trinta anos para gravar unha serie documental, dará o venres unha charla en Seoane

22 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Antigo oficial do Exército, profesor, escritor e historiador, Xosé Fortes Bouzán abrirá o venres a terceira edición do seminario sobre o patrimonio cultural do Courel, que se desenvolverá na estación científica de Seoane. Na súa conferencia rememorará a visita que fixo á serra hai trinta anos, cando se gravou a serie documental Os viaxeiros da luz, emitida por TVG en 1991. Naquel programa, Fortes percorreu Galicia a cabalo xunto con Anxo Cabada, Valentín Carrera e Xosé Carlos López Corral seguindo as pisadas de varios antigos viaxeiros e escritores, como Ambrosio de Morales, Martín Sarmiento e o inglés George Borrow.

-Coñecía xa a Serra do Courel antes da gravación da serie?

-Estivera algunha vez polos arredores, pero nunca percorrera este territorio con anterioridade. Coñecía a serra a través de Uxío Novoneyra, con quen tiven moito trato. Foi unha experiencia moi bonita visitar os lugares que aparecen nos seus poemas, como a Devesa da Rogueira ou Visuña. Pasamos dous ou tres días no Courel, porque para percorrer toda Galicia a cabalo non nos podíamos deter demasiado tempo en cada sitio.

-Que recordos lle quedaron daquela visita?

-Unha cousa que me chamou moito a atención foi ver o estado de abandono en que se encontraba xa a Serra do Courel. Como foi unha viaxe a cabalo, puidemos ver como se encontraban os camiños tradicionais. Quedei chocado ao comprobar que os camiños que usaran os veciños durante centos de anos para ir traballar nas leiras e para moitas outras cousas estaban abandonados e case intransitables. Había sitios nos que os cabalos non daban pasado. Claro que iso non nos pasou só no Courel, senón en moitas outras partes de Galicia. Xa non se vían veigas cheas de millo, centeo, patacas... Como moito, algunha pequena horta aquí e alí, e pouco máis. Cando as aldeas comezaron a baleirarse, como é lóxico, os camiños deixaron de ter utilidade.

-Xa se notaba moito o despoboamento do medio rural?

-A principios dos anos 90 iso xa se notaba moitísimo no Courel e en moitos outros lugares. E é que en Galicia o abandono do rural foi algo brutal e moi veloz, como un tsunami. Este fenómeno é algo que se deu en toda Europa, claro está, pero noutros sitios foi moito máis lento e non chegou a estes extremos. En territorios como a Bretaña francesa, por exemplo, aínda hai moita actividade no campo. En Galicia aínda quedaba moita vida no rural nos anos 60, pero na seguinte década xa houbo unha caída tremenda. Vimos desaparecer en poucos anos un modo de vida con milenios de historia. É un pouco como se hoxe en Galicia non quedase nin un católico despois de 2.000 anos de cristianismo.

-Cre que se podía ter feito máis para frear esa decadencia?

-Xa sabemos que nos nosos tempos non era viable seguir vivindo como os nosos antepasados, cunha agricultura de subsistencia. Pero creo que se podían ter feito cousas para axudar ao medio rural a adaptarse aos novos tempos, establecer directrices, ofrecer máis servizos e axudas... Penso que en Galicia as administracións trataron o rural cunha despreocupación e unha frivolidade absolutas. Durante moito tempo non se preocuparon por ofrecerlle alternativas e cando comezaron a facer algo nese sentido foi cando nas aldeas xa case non quedaban veciños.

«As miñas alumnas case choraban oíndo a Novoneyra recitar poemas»

Para Xosé Fortes, Uxío Novoneyra non foi só unha importante figura das letras galegas senón «un personaxe absolutamente extraordinario».

-Ten algunha lembranza especialmente significativa do seu trato con Novoneyra?

-Recordo especialmente unha vez que o levei a Pontevedra para ter un encontro cos alumnos do instituto do que fun director. Uxío recitaba como os anxos e ademais das súas propias obras, recitou algúns poemas da lírica medieval galegoportuguesa. Os rapaces quedaron impresionados e houbo algunhas alumnas que case choraban, puñánselles os ollos vidrosos.

-Volveu ao Courel despois de gravar a serie de televisión?

-Volvín unha vez cando Uxío Novoneyra xa falecera. Nesta nova visita, ademais de dar unha conferencia, vou tamén para recordar un pouco as vivencias que tiven con el.