Monforte, a cidade que camiña

Susana López Varela ARQUITECTA E URBANISTA

LEMOS

25 feb 2021 . Actualizado a las 18:52 h.

Hai unhas semanas aparecía unha nova en diferentes medios de comunicación, onde o Concello anunciaba que se reducirá a velocidade do tráfico vehicular en algunhas rúas do casco urbano, a 30 quilómetros por hora. Por un momento, crin que Monforte ía ser pioneira ao converterse en Cidade 30, unha designación que tan só seis cidades galegas, entre as que están Pontevedra, O Carballiño, Oleiros ou Ourense, teñen.

¿Qué é a unha Cidade 30? Aquela que ademais de loitar contra a violencia viaria, promove a convivencia do coche coa bicicleta, e impulsa a mobilidade peonil e a autonomía infantil a través dun adecuado deseño das súas rúas.

Pero a medida que lía o artigo a miña esperanza íase esvaecendo, pois a iniciativa, ademais de estar unicamente enfocada a unha simple limitación de velocidade, non contempla a revocación do que será sen dúbida algunha, o maior ataque ambiental que pode sufrir nun futuro próximo a nosa vila: a construcción da nova ponte no Malecón.

Como se poden poñer sobre a mesa medidas de redución de velocidade no casco urbano, e ao mesmo tempo incrementar o seu volume de tráfico? ¿Onde están os estudos de impacto viario, nos que se asegure que rúas como a Corredoira, Hortas, e sobre todo o barrio de Ramberde e o Malecón non se verán agraviados negativamente? De qué maneira se vai reparar o impacto ambiental, que vai supoñer a construción dunha nova ponte que case quintuplica o ancho da pasarela actual? Como se van subsanar as enormes restricións que impón o Plan Hidrolóxico Nacional, e que paradoxalmente foron as razóns que enunciou o equipo de goberno para non continuar coa redacción do PXOM, tan necesario na nosa vila?

Mentres milleiros de urbes en todo o mundo, movidas por un contexto de cambio climático e pandemia latente, diríxense a humanizar e mellorar ambientalmente as súas contornas urbanas en declive do tráfico motorizado, ¿por qué algúns políticos seguen pensando que o paradigma desarrollista vinculado o automóbil e o asfalto, é a solución a moitos dos males das nosas cidades?

Por iso señor Alcalde, convídolle a reflexionar. Utilice esta iniciativa de redución de velocidade, como primeiro paso para converter a Monforte nunha Cidade 30. ¿Cómo? Aumentando beirarrúas; construíndo plataformas únicas, para así converter moitas rúas de Monforte en zonas de coexistencia con prioridade invertida (caso das Hortas, Doutor Casares ou o propio Malecón); fomentando o uso da bicicleta, un medio de transporte ideal, dadas as condicións topográficas que temos; pero sobre todo, promovendo o noso eixo fluvial como ruta escolar segura. Ter o Instituto Daviña Rey, o Colexio Novo, os Escolapios, a Gardería Municipal, o Club Fluvial, o Edificio Multiusos, e ata incluso, unha potencial segunda gardería no edificio recién adquirido polo Concello no barrio de Ramberde, coloca o entorno do Río Cabe coma o lugar idóneo para que as nosas nenas e nenos volten a colonizar a nosa cidade.

Se temos tanto ao noso favor, por que perder a oportunidade de facer que Monforte sexa unha Cidade que Camiña?