
A nova directora asegura estar sorprendida polo nivel asistencial do centro
23 jun 2021 . Actualizado a las 20:51 h.Inmaculada Ramos leva algo máis de tres meses á fronte do hospital Hospital Público de Monforte e do seu distrito sanitario. Médico de profesión e natural de Quiroga, cando a Consellería de Sanidade lle propuxo o cargo ela xa tiña experiencia en xestión sanitaria, como directora médica do hospital nacional de parapléxicos de Toledo e como subdirectora médica do hospital desa cidade. Hoxe participará nos actos oficiais de conmemoración do 35 aniversario da apertura do hospital de Monforte.
-Que tal estes primeiros meses? Mellor ou peor do que agardaba?
-Pois recoñezo que tiña unha percepción equivocada do que era un hospital comarcal como o de Monforte. Pensaba que ía ser moito menos.
-De moita menos envergadura?
-Si. Sorprendeume gratamente a cantidade de actividade asistencial que desenvolve este hospital. Resultou moi gratificante. E en canto as cousas a mellorar, recoñezo que hai unha na que me gañaron unha batalla, pero na que aínda confío en gañar a guerra. Refírome ao que me está a custar que deixemos de tirar tanto do papel en moitísimos procesos dentro do hospital. Pola miña experiencia noutras comunidades autónomas, sei que o Sergas é dos servizos de saúde está entre os mellores en sistemas de información, pero trasladar esa dinámica dixital á realidade diaria do traballo é algo que aínda ten que mellorar moito. Hai moitos procesos que xa están no sistema, pero para os que aínda se tira moito do papel. Levará tempo, pero agardo conseguilo.
-Sorprendeuna o nivel de servizos do hospital de Monforte, pero os seus usuarios demandan máis. Parécelle que hai marxe para avanzar nesa dirección.
-Cada ano se van incorporando novas prestacións, cousas que antes non se facían en Monforte, aínda que non me refiro a novos servizos como tales. Os hospitais comarcais teñen como misión proporcionar a asistencia máis próxima aos cidadáns. E teñen que dispor das prestacións que se poden ofrecer neles. Non podemos pensar que aquí temos que ofrecer servizos propios de hospitais supraespecializados. Non daríamos cuberto todas as necesidades en todos os centros sanitarios. Hai que ter unha planificación e uns servizos dimensionados conforme as prestacións que se teñen que dar nese primeiro nivel. E en Monforte estamos a dar todos os servizos que e contemplan. De feito, nos últimos tempos aumentáronse prestacións, como as do hospital de día, oncoloxía, alergoloxía... Son cousas que se poden afrontar só desde unha xestión integrada en áreas máis grandes.
-Como están levando as obras? Está arranxado o problema das filtracións de auga?
-Dentro das obras en marcha estase facendo na cuberta unha estrutura que vai albergar as instalacións técnicas, de electricidade, temperatura e demais. Para facer esa obra houbo que levantar unha cuberta e nese momento choveu e filtrouse auga. Cando iso estea rematado deixará de haber esas filtracións. O hospital ten 35 anos e hai que valorar facer toda unha abordaxe ao resto da cuberta, porque ademais deste problema puntual xa se sabía que había filtracións de antes.
-Chega o principal período de vacacións do ano. Vai poder o persoal coller as vacacións con normalidade?
-A planificación final das vacacións fíxose conforme aos desexos de cada un dos traballadores. O único que fixemos no seu momento foi consultar para poder ter un plan b en caso de que houbese problemas para facelo así.. En todo caso, facendo axustes de actividade temos cubertas as vacacións conforme pediu o persoal.
-Este verán tamén haberá camas pechadas?
-As obras céntranse neste momento no último andar, e temos que facer as conducións que van dunha pranta a outra en vertical. Necesitamos illar o andar de abaixo de hospitalización para completar as obras. FAremos un reaxuste para pechar durante o verán a área de traumatoloxía e uroloxía.
«Temos 29 compañeiros que xa estaban hai 35 anos»
Na carta que enviou hai uns días a todos os traballadores do hospital para convidalos á conmemoración do 35 aniversario, Inmaculada Ramos xa anticipaba que probablemente haxa máis en canto a situación clínica mellore o suficiente. O acto será esta mañá (12:30 horas) no espazo ao aire libre que hai entre o edificio antigo e o novo deste centro sanitario.
-Como vai ser esta conmemoración? Deixan unha parte para despois do verán?
-Os actos deste mércores programáronse como un evento dentro da pandemia e non sabiamos como ía estar exactamente a situación cando chegase o día. En principio ía ser máis restrinxido, pero finalmente todo o persoal que se queira achegar poderá facelo. Iso só, só podemos ter un número reducido de prazas sentadas. E estarán reservadas para unha representación das 29 persoas que comezaron a traballar no hospital de Monforte no momento da súa apertura entre xuño e xullo de 1986 e que aínda seguen en activo aquí, aos 29 compañeiros que xa estaban hai 35 anos. Tamén van estar os responsables da área sanitaria, o alcalde de Monforte e o conselleiro de Sanidade. Durante o acto entregaremos o que se poderían denominar diplomas á fidelidade, a eses traballadores que están no hospital de Monforte desde a súa apertura. Tamén mostraremos un pequeno vídeo de repaso a estes 35 anos con fotografías, algunhas delas da construción do centro. O acto vai ser presentado polo médico traumatólogo Rafel Huici. Queremos que este acto sirva tamén de benvida a toda a ente nova que está apostando por vir traballar aquí.
-E que é o que vai quedar para cando a situación clínica mellore?
-Gustaríanos organizar algunha convocatoria científica, semellante á que se fixo cando se celebrou o 25 aniversario. E tamén algún tipo de acto aberto a todo o mundo, unha proposta na que nos poidamos xuntar todos sen as actuais restricións. Facelo todo agora era inviable e deixalo todo para despois tampouco nos parecía ben, así que eliximos organizar as cousas desta maneira.
«É posible que nunhas semanas poidamos reducir a zona para pacientes covid»
Igual que todos os demais hospitais públicos, o de Monforte leva máis dun ano coa súa estrutura e funcionamento adaptados á pandemia de coronavirus. Ademais dos cambios nas entradas a urxencias, o máis visible destas modificacións foi o peche de 14 cuartos para reservalos para pacientes con covid-19. Nos peores momentos da pandemia, que en Monforte chegaron no primeiro trimestre deste 2021 en coincidencia co impacto da terceira vaga, chegou a haber 24 pacientes ingresados. A capacidade total era de 28, así que o espazo planificado no seu momento foi dabondo para afrontar este desafío clínico. Pero a situación asistencial no distrito sanitario de Monforte é neste momento moito máis relaxada e o espazo covid do hospital leva máis dunha semana sen ningún paciente.
-O hospital leva días sen pacientes covid-19. Pódese ir pensando xa na volta á normalidade?
-Temos que pensar en volver, si. En todo caso, hai camas reservadas para pacientes covid e así van seguir estando de momento. No caso de que e a incidencia siga baixando como o está facendo e o hospital segue sen ter ingresos, entón pode ser que fagamos algunha modificación. O espazo covid vai seguir estando, pero igual chega o momento en que non sexan precisas tantas camas. É posible que de aquí a unha ou dúas semanas se dean as circunstancias para darlles entrada a outros pacientes de medicina interna en cuartos que hoxe están reservados para posibles casos de covid. Imos agardar a ver como evoluciona a situación a curto prazo.
-Queda moito atasco por resolver en consultas externas, en cirurxía ou en probas diagnósticas?
-Retraso houbo desde logo, pero levamos uns meses nos que estamos introducindo reforzos para tratar de reducir esperas todo o que sexa posible. O Sergas está facendo un investimento importante en contratacións tanto de persoal de cirurxía como de consultas externas. E este esforzo estase focalizando sobre todo nas vías rápidas para aquelas enfermidades que requiren unha atención especialmente dilixente e nas primeiras consultas de especialidades. Hai máis demora nunhas especialidades que noutras, pero a min paréceme que o 30 de xuño imos dar pechado o primeiro semestre deste ano cuns datos asistenciais moi bos para o hospital de Monforte.