Árbores do Courel e dos Ancares á espera do recoñecemento oficial

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

O rebolo da Pedreira de Valdastrelas, cerca de Froxán, no municipio de Folgoso do Courel
O rebolo da Pedreira de Valdastrelas, cerca de Froxán, no municipio de Folgoso do Courel CEDIDA

Un amplo estudo revisa os monumentos vexetais das serras lucenses

14 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No catálogo galego de árbores senlleiras da Consellería de Medio Ambiente figuran actualmente trece exemplares singulares situados na serras do Courel e dos Ancares, así como nas súas contornas. Pero neste territorio hai moitas outras árbores que tamén contan con méritos suficientes para figurar neste inventario, segundo o parecer dos autores do estudo Árbores e formacións senlleiras da contorna dos Ancares e do Courel, que acaba de ser publicado polo Instituto Galego de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) co apoio da Deputación. A obra, firmada por José Gaspar Bernárdez Villegas e Antonio Rigueiro, forma parte dunha serie de publicacións denominada Cadernos da Estación Científica do Courel e pode descargarse gratuitamente na páxina web do Ibader.

Os autores do estudo sinalan que «despois de anos de estudo sobre o arboredo senlleiro nas Serras de Ancares e Courel, aínda seguen aparecendo rexistros de exemplares e formacións que parece incrible que chegaran aos nosos días sen que nada máis que uns poucos e afortunados veciños da zona souberan da súa existencia». Entre elas, destacan especialmente a importancia de máis dunha vintena de árbores e formacións arbóreas repartidas entre os municipios de Folgoso do Courel, Quiroga, O Incio, Cervantes, Triacastela e Samos que aínda non foron incluídas no catálogo oficial de Xunta.

Exemplares destacados

No estudo descríbense mediante unha serie de fichas as principais características destas árbores, entre as que se encontran exemplares de curioso aspecto como un rebolo (Quercus pyrenaica) situado na denominada Pedreira de Valdastrelas, no entorno da localidade de Froxán —no municipio de Folgoso do Courel—, que medra case en paralelo ás curva de nivel do terreo empinado. Esta árbore, segundo apuntan os autores, estivo a punto a ser destruída por un incendio en 1975. No mesmo concello —na parte máis alta do bosque da Devesa da Escrita— atópase o chamado Teixo dos Sete Homes, de 14,5 metros de altura e un diámetro de 4,5 metros.

A publicación sinala por outro lado que algunhas destas árbores foron propostas no seu momento por diversas entidades para ser incluídas no catálogo de Medio Ambiente, pero non foron consideradas de mérito suficiente pola consellería. Algunhas destas propostas —en opinión dos autores libro— «seguramente deberán ser reconsideradas nun futuro próximo» polo seu especial valor. Entre elas mencionan a árbore das trompetas situada xunto á igrexa de San Eufrasio, en Santa María do Mao, no municipio do O Incio. O exemplar ten unha altura de 16,50 metros e pertence á unha especie orixinaria de Norteamérica cuxo nome científico é Catalpa bignonioides, cultivada con frecuencia como elemento ornamental. Bernárdez Villegas e Rigueiro consideran que tamén se debería revisar a inclusión no catálogo da Xunta dos castiñeiros de Renche —en Samos— e Vilavella, en Triacastela, entre outros exemplares.