O BNG celebra o centenario da asemblea galeguista cunha homenaxe á militancia histórica

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Movilización nacionalista en Monforte, en la pasada década de los ochenta
Movilización nacionalista en Monforte, en la pasada década de los ochenta CEDIDA

A voceira nacional sumarase aos actos conmemorativos que terán lugar o domingo en Monforte

18 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os actos programados mañá sábado polo Consello da Cultura Galega, a Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Vicente Risco non serán nos únicos que se celebren esta fin de semana en Monforte para conmemorar o centenario da cuarta Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala. O BNG organizou para o domingo diversas actividades con ese motivo que contarán coa presenza de Ana Pontón, voceira nacional desta organización política.

O programa conmemorativo do BNG desenvolverase a partir das dez e media da mañá do domingo na Casa de Cultura Lois Pereiro. Trala apertura, o profesor de historia contemporánea Uxío-Breogán Diéguez Cequiel impartirá no salón de actos a conferencia «As Irmandades da Fala e o Centenario da IV Asemblea Nacionalista». Seguidamente, comezará nese mesmo escenario un coloquio sobre a militancia nacionalista na ditadura, moderado pola responsable comarcal, Rosa Anta Prieto, no que intervirán Ana Pontón, Xosé Manuel Rodríguez, Lois Diéguez e Marisa Vázquez Barquero.

A unha do mediodía, por outro lado, terá lugar una homenaxe á militancia histórica do nacionalismo na entrada do mosteiro de San Vicente do Pino, escenario no ano 1922 dun retrato de grupo no que aparecen Castelao e outros destacados integrantes das Irmandades da Fala. Os actos promovidos polo BNG concluirán cunha comida de confraternidade.

«Chamamos á participación en todos os actos da fin de semana, que no seu conxunto darán unha visión bastante completa do que supuxo a devandita asemblea», sinala dende o consello comarcal. Monforte, segundo destacan dende o BNG, «foi testemuña dos inicios do percorrido do movemento político nacionalista galego anterior á guerra e posterior á ditadura franquista».