A romanización do consello regulador de Ribeira Sacra

Euloxio López

LEMOS

Legionarios de la Cohors Lucensium, en el centro do Viño da Ribeira Sacra
Legionarios de la Cohors Lucensium, en el centro do Viño da Ribeira Sacra ROI FERNANDEZ

30 ene 2023 . Actualizado a las 13:07 h.

Sempre fun un incrédulo coa man de Roma nas viñas da nosa ribeira fronte a aqueles que se empapaban de latinorios e emborrachaban aos césares romanos co viño de Amandi. O carbono 14 acabou co mito. Pero vendo os enredos que se produciron nos últimos tempos co proceso á vista das novas eleccións para a renovación do consello regulador, desconfío de que no noso ADN haxa sangue romano. Dende logo, as artimañas romanas deixaron algún pouso na Ribeira Sacra. Un terzo dos emperadores de Roma caeron polas intrigas palacianas ou familiares. A maioría das veces orquestradas polas emperatrices que negociaban na escuridade unindo esforzos con inimigos de conveniencia que se aliñaban na causa. O depauperamento do Imperio non veu de cuestións alleas senón de confabulacións internas.

Non vou entrar a valorar o traballo feito polo anterior presidente porque considero á xente que vive do viño maior de idade para facelo. En todo caso, os feitos falan e a eles me remito. Pero, como viticultor e interesado polo tema, gustaríame ter resposta a unha serie de preguntas: É normal, despois de estar corenta anos traballando xuntos no consello regulador, presentar unha moción de censura a poucos meses das eleccións? Tan grave era a situación? Non sería lóxico esperar tres meses e ir a unhas eleccións con total normalidade no sector? Non se tratará dun axuste de contas, que atopou uns criados útiles, onde o que prima non é o sector senón o desprestixio persoal para que o presidente non se vaia con normalidade e cun agradecemento ao traballo feito? Non se deberá todo a unha loita palaciana, que se personifica no presidente, que nada ten que ver co viño e á que a maioría dos viticultores somos totalmente alleos? Somos os viticultores de a pé vítimas dun contubernio de alianzas interesadas onde o ben do sector está en segundo plano? Non se tratará máis ben dunha situación semellante a que Cervantes relata no Quijote excelentemente expresada coa locución galega ‘quen non pode mallar na burra, malla na albarda'?

Pensar na Ribeira Sacra é pensar no noso viño, na singularidade dunha paisaxe única e cambiante en cada estación do ano. Embelecida polo traballo dos viticultores que a manteñen viva e que da vida a un territorio no que o futuro está tan ligado ao viño que dependerá dos acertos deste sector. Mesturar cousas que non sexan uvas pouco ben fará á denominación de orixe. Estaremos atentos ás propostas dos candidatos e esperamos que o Consello resultante das eleccións acerte nas directrices a seguir para ben non só do sector do viño senón do colectivo da Ribeira Sacra.