Veciños doutras parroquias axudan a manter vivo o folión das fachas de Vilelos
![Francisco Albo](https://img.lavdg.com/sc/vsJ5lpqb9oMNCO8nAGgplh3_93w=/75x75/perfiles/60/1422317876663_thumb.jpg)
LEMOS
![Os participantes no festexo, seguindo a tradición, levaron as fachas ardentes ata o alto do castro da Besta](https://img.lavdg.com/sc/3Gw0_mBboWgBATcOUJl4G5hmpLA=/480x/2023/09/23/00121695482881895801393/Foto/MS24C5F1_172637.jpg)
A localidade do Saviñao celebrou de novo o tradicional festexo, que foi recuperado no 2022 despois de dous anos de interrupción
23 sep 2023 . Actualizado a las 19:09 h.A parroquia de San Martiño de Vilelos —no municipio do Saviñao— celebrou o tradicional folión das fachas, unha festa que se recuperou no 2022 despois dunha interrupción de dous anos a causa da pandemia. Seguindo o costume, os participaron iniciaron ás doce da noite do venres a ascensión ao castro da Besta portando as fachas ardentes elaboradas con agucios ou talos secos de abrótega. Previamente, ás nove da noite, houbo unha pancetada popular. O festexo estivo animado polo grupo musical Xerezade.
Segundo explica Tania Mirás, a secretaria da asociación veciñal de Vilelos —que organiza o festexo—, nesta ocasión participaron no desfile algúns veciños doutras parroquias que achegaron fachas fabricadas por eles mesmos. «Hai xente que aínda que non é de aquí, quere axudar a manter viva esta festa», sinala. O festexo, engade, caracterizouse por unha elevada afluencia de veciños e visitantes. «Como houbo moita xente, acabóusenos toda a panceta, a bica e o viño que ofrecimos», sinala.
A asociación que organiza o folión de fachas —co apoio do Concello do Saviñao e da Deputación lucense— considera que o festexo volve estar plenamente consolidado despois da cancelación que sufriu no 2020 e no 2021. Neses dous anos a restricións sanitarias impediron celebrar con normalidade o folión, aínda que os veciños de Vilelos —para mantelo vivo dunha forma simbólica— queimaron algunhas fachas sen subir ao castro. «Pero o ano pasado xa conseguirmos reunir a moita xente, e este ano volveu pasar o mesmo, así que a festa está totalmente recuperada», sinala Tania Mirás.
Festas do lume
O folión de Vilelos é unha das tres festas tradicionais protagonizadas polo lume que se conservan na Ribeira Sacra. As outras dúas son o folión de Castelo —no municipio de Taboada, que se celebra o 7 de setembro— e a festa dos fachós que ten lugar en Castro Caldelas o 19 de xaneiro. As entidades organizadores dos tres folións participan habitualmente no Encuentro Nacional de Fiestas Tradicionales con Fuego que se celebra en diferentes localidades españolas desde o 2018. A última edición organizouse o pasado maio no municipio de Jarandilla de la Vega, na provincia de Cáceres.