«No 2024 quero gañar os dous campionatos de España»

luis conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

A monfortina quere resarcirse dun 2023 que cualifica de «decepcionante»

29 dic 2023 . Actualizado a las 18:04 h.

Remata o 2023, un ano que Saleta Fernández cualifica de «decepcionante». A atleta monfortina admite que a aposta que fixo ao marcharse a Pamplona a adestrar non foi acertada, circunstancia que a penalizou. Isto fixo que voltase a Santander, cidade na que volve adestrar con Ramón Torralbo. Fernández prefire facer borrón e conta nova, e xa pensa nos retos do ano 2024.

—Que titular lle pon ao ano 2023?

—Foi un ano decepcionante. Salvo unha prata que conseguín, o resto estivo lonxe das expectativas que tiña.

—A que coida que foi debido?

—Está claro. A aposta que fixen ao marchar para Pamplona non é que non saíse, senón que foi moi mala. Esperaba unha cousa e saíu outra. Estiven alí entre setembro do 2022 e xullo deste ano, e todo saíu mal.

—Pero reaccionou ben, non si?

—Tomei a decisión de voltar a Santander e adestrar de novo con Ramón Torralbo. El é o meu pai deportivo, o que sabe sacar o mellor de min. E teño que dicir que xa son outra. Recuperei ben en todos os aspectos, e xa me volvo sentir atleta.

—Estamos máis preto de ver a mellor versión de Saleta?

—Espero que si. Estou adestrando ben e véxome con moitas ganas.

—Cales son os seus obxectivos de cara ao 2024?

—Quero gañar os dous campionatos de España. Un é en Ourense, en febreiro, polo que quero repetir éxito na casa. E o outro é en La Nucía, que foi onde batín o récord nacional cun salto de 1,90 metros.

—E ademais está aí a selección española.

—Si. Entre os vindeiros 2 e 5 de xaneiro estarei de novo nunha concentración da selección española. Será en Castellón. E ao chegar de aí competirei en Santander. E despois xa continuarei adestrando para o campionato de España que se disputará en Ourense.

—E no ámbito internacional, que perspectivas ten de cara a o vindeiro ano?

—Hai tres competicións: o Iberoamericano, o Europeo e os Xogos Olímpicos. Imos dalo todo para estar na primeira cita. A segunda é complicada e a terceira non teño ningunha posibilidade, porque hai que ver de onde veño.

—Vese que ten moitas ganas de comezar o ano?

—É verdade. Estou moi ilusionada co 2024. Espero poder resarcirme de como saíron as cousas neste 2023.