
MJ Pérez presenta o día 18 en Chantada o videoclip de «Barco á deriva», gravado en localizacións do Miño
14 ene 2024 . Actualizado a las 17:09 h.MJ Pérez celebra os seus dez primeiros anos na música con novo tema, nova xira e novo directo. Compositora pop, pero aberta ao rock e á música de raíz, MJ Pérez é de Arzúa pero vai facer en Chantada a presentación de todo iso que trae ela de novo neste 2024. Ten sentido, porque o videoclip do seu tema novo, titulado Barco á deriva, está integramente gravado na Ribeira Sacra do Miño.
A presentación oficial de Barco á deriva e do seu videoclip está organizada para o xoves da semana que vén, o 18 de xaneiro, e celebrarase no Café Cantón (20:00 horas).
A presentación comezará cun pequeno coloquio entre a xornalista Guada Guerra e a propia MJ Pérez. Despois proxectarase por primera vez en público o vídeoclip e a autora dará un pequeno concerto, que rematará con viño da Ribeira Sacra e queixo Arzúa Ulloa, os dous territorios unidos por esta canción.
O vídeo de Barco á deriva está gravado en lugares como o dolme de Abuíme, no Saviñao; o santuario de Fátima, en Chantada; a illa de Maiorga ou Porcís, en Pantón; ou o Penedo do Graúllo, en Carballedo. As paisaxes da Ribeira Sacra póñenlle un fondo suxerente a unha letra na que MJ Pérez fala da sensación de frustración que sobrevoa á xeración golpeada polas crises sucesivas que comezaron no 2008.

«Son un cúmulo de factores que ao longo destes anos golpean a unha xeración que non pode facer moito máis que limitarse a sobrevivir», explica MJ Pérez na documentación coa que fixo pública esta semana a presentación do día 18 en Chantada. «Nadando na precariedade —continúa—, o tempo avanza sen opcións nin esperanza, e como di a canción, semella que ‘nada cambiará’. Mais, a pesar do aparente negativismo, a realidade é que Barco á deriva é un berro; un desafogo, unha reivindicación, unha posta en valor de que, pese a frustración, esta é unha xeración que segue adiante con todo».
Pop, rock e raíz
MJ Pérez é unha das voces máis persoais da actual música galega. Autora das súas propias letras e composicións, desde os seus inicios no ano 2014 publicou catro discos: Ollos que non ven, síntoma de cegueira (2014), Guerrilleira (2015), Casandra (2017) e A luz prendida (2020). Na súa carreira comezou máis pegada ao pop-rock pero despois foi tocando outros estilos como os ritmos latinos e outras música de raíz, nomeadamente portuguesa, o país no que están parte das súas orixes.