O actual contexto de crise no consumo de viño a nivel mundial motivou no 2023 un descenso do 2,6% fronte ao 2022. Detrás deste dato está unha economía global tensionada pola inflación. A covid e os posteriores conflitos xeopolíticos xeraron crises enerxéticas que repercutiron na cadea de subministros co conseguinte aumento nos custes de produción e distribución, o que motivou subas nos prezos do viño que frearon a súa demanda. A tendencia a aumentar o consumo do branco —aínda que o tinto supoña en España un 65% do total—, unida á crise das adegas da Ribeira Sacra despois de varias colleitas excesivas, abre o debate sobre se é posible conciliar cantidade e calidade.
Como sabemos, os custes de produción na Ribeira Sacra en viñas en bancais son altos. Pódese pensar que os actuais rendementos por hectárea contemplados no consello regulador (ata 9.500 quilos nas tintas e 12.000 quilos nas brancas) son correctos e compensan dalgún modo eses elevados gastos.
Tamén haberá quen pense, acertadamente, que se baixásemos os rendementos —por exemplo a 8.000 ou 10.000 quilos— aumentaríamos a calidade —aínda que tamén os xa altos custes— e controlaríamos posibles crises de sobreprodución. Se o obxectivo de limitar a cantidade de uva por hectárea é conseguir unha calidade axeitada, tanto unha como outra opción de pouco valen cando o único que se demanda por parte do consello regulador é só que se elabore o tope, sen vixiar que posibles excedentes sirvan para elaborar viño da casa, ou venderlle a uva sobrante a particulares ou a outras adegas da denominación de orixe baixo man.
Deixar producir por enriba do regulado, aínda que só se consinta elaborar con contraetiqueta o límite establecido, fai que non desapareza o risco de crises por sobreprodución —acentuadas polo cambio climático, que eliminou barreiras selectivas como as xeadas— e, sobre todo, que a calidade media dos viños da denominación se resinta. Por outra banda, di o refrán que a río revolto ganancia de pescadores, e xa se ten denunciado a compra de uva a prezos especulativos.
O remedio sería que o consello regulador actuase con contundencia para que —dentro de unha marxe razoable— a produción da parcela que exceda os rendementos establecidos sexa eliminada na súa totalidade. Pero é posible conciliar rendibilidade e calidade? Se aumentamos a densidade da plantación, cada cepa verá reducido o seu campo de acción no solo e a cantidade de nutrientes e auga. Esta redución do vigor motiva unha menor produción de uvas por planta, co conseguinte aumento da calidade. Ao mesmo tempo, ao ser máis cepas por hectárea aumenta a produción total da parcela.
Quere isto dicir que, tanto ou máis que os quilos producidos por hectárea, importan os quilos de carga por cepa. E pódese compatibilizar esa ecuación entre rendemento e calidade se aumentamos a densidade de plantación e diminuímos os quilos por cepa. É certo que a maior densidade menor vida da cepa e máis gastos de produción, pero aplicándoa con sentido esta práctica vitícola é altamente recomendable e así se está facendo en plantacións de todo o mundo.
Con máis densidades de plantas para aumentar a calidade, unha terceira opción sería deixar os actuais rendementos e que cada adegueiro decida, en función das súas expectativas e modelo de negocio, o tipo de viños que quere e as prácticas vitícolas que proceden nas súas parcelas e nas dos seus provedores. Esta opción permitiría manter un mercado suficientemente amplo e diversificado como para que ninguén teña que deixar a monte os seus viñedos. E para que a Ribeira Sacra no só manteña a súa economía, senón tamén cultura e identidade.