Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Javi Rey, futbolista do Racing Vilalbés: «Ninguén falou do liderato, pero si de acabar a liga entre os cinco primeiros»

LUIS CONDE MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

O mediapunta lucense destaca o vestiario como a clave da boa campaña

28 mar 2025 . Actualizado a las 17:25 h.

O Racing Vilalbés está asinando unha gran tempada, e un dos artífices da traxectoria é Javi Rey. O mediapunta leva cinco goles e outras tantas asistencias, rexistros que permiten á escuadra de Alberto López estar na segunda praza. A pasada xornada, o equipo chairego caeu derrotado na Estrada, un resultado que, según o futbolista, entraba dentro das posibilidades. Pero asegura que non pasará factura este domingo no partido ante o Silva.

—Esperaban encaixar unha derrota tan ampla na Estrada?

—Sabiamos que era un partido difícil, porque o campo do Estradense é un dos máis complicados da Terceira Federación. Considero que o resultado é avultado, pero é verdade que o noso inicio foi malo, e acabou pasando factura. É verdade que co 2-1 pensei que podiamos, como mínimo, empatar o partido, pero encaixar o 3-1 penalizounos totalmente.

—Pasará factura este resultado mañá ante o Silva?

—Non ten por que. O equipo está moi mentalizado, e nesta Terceira Federación, cada partido é un mundo. Ademais, cando perdes xa estás desexando que chegue a seguinte fin de semana para competir de novo.

—Iso si, a derrota fai que o líder, a UD Ourense, escape na táboa clasificatoria.

—Pero en Vilalba en ningún momento se falou de alcanzar o liderato. Cando comezou a tempada, o vestiario marcou como meta rematar o campionato entre os cinco primeiros. Quedan 24 puntos en xogo, e o noso obxectivo e asegurar o antes posible unha de esas prazas, pero non se nos pasou pola cabeza o liderato por moi preto que estivésemos desa praza. Nós imos partido a partido. Cando comezou a liga, todos teríamos firmados ser segundos a estas alturas do campionato.

—Cales son as claves que explican esta boa tempada do Racing Vilalbés?

—A clave da gran campaña do equipo está no vestiario, que é moi san. Adestramos ben diariamente e aquí a adaptación e o acoplamento dos novos xogadores que chegan é moi doado. E xa a nivel deportivo hai que destacar que temos unha plantilla ampla e moi compensada. Calquera dos 22 futbolistas que a forman poden ser titulares.

—Que papel xoga o míster, Alberto López, neste equipo?

—É fundamental. O míster transmite ilusión e ambición, e busca que melloremos día a día.

—Está vostede contento cos rexistros que leva?

—Levo cinco goles e outras tantas asistencias. Estou ledo, pero a miña prioridade é que esta achega axude ao Racing Vilalbés a acadar os seus obxectivos.

—Vostede é mediapunta. Que lle gusta máis, marcar ou dar asistencias?

—Sempre me definín máis como pasador que como goleador. E si, gústame máis asistir, aínda que marcar tamén me pon ledo.

—Que valoración fai do nivel desta Terceira Federación?

—É unha categoría moi competitiva. Así o amosa a puntuación e a igualdade que hai tanto por arriba como por abaixo na clasificación. Calquera rival che pode gañar. É verdade que se a comparamos co nivel de hai unha década, teño que dicir que baixou. Eu achaco isto ao feito de que se crease a Segunda Federación, que fixo que os futbolistas se tiveran que repartir.

—Cal é o soño que che queda a Javi Rey no fútbol?

—[Sorrí] Unha espiña que teño cravada é que me gustaría xogar un partido oficial de Copa do Rei ante un equipo de Primeira División.

—Aínda está a tempo, tendo en conta que ten 30 anos.

—Oxalá!

—Como se presenta o partido ante o Silva?

—Será complicado, porque é un clásico de Terceira, que ten moi ben interiorizado e definido un estilo, e ademais conta con xogadores con experiencia na categoría. Teremos que estar ao 100% para lograr os tres puntos. Imos polo triunfo.