Rutas con música de raíz en Quiroga

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

O músico e artesán Xavier Blanco dirixindo unha ruta musical na aldea quiroguesa de Vieiros
O músico e artesán Xavier Blanco dirixindo unha ruta musical na aldea quiroguesa de Vieiros FUNDACIÓN LEGAR

O músico Xavier Blanco prepara varias actividades en colaboración co Concello

24 jun 2025 . Actualizado a las 18:10 h.

O pasado novembro inaugurouse na aldea quiroguesa da Seara o centro de música galega de raíz da Fundación Legar, creada polo músico e artesán Xavier Blanco. O Concello incluíu na segunda edición do seu programa turístico de verán Descubrir Quiroga varias actividades que correrán a cargo desta entidade. A fundación organiza habitualmente percorridos e obradoiros baseados na música tradicional en diversas partes de Galicia e antes de abrir o centro xa colaborou co Concello de Quiroga en diversas iniciativas deste tipo.

A primeira destas actividades ofrecerase o 18 de xullo e consistirá nun percorrido pola ruta literaria de Quiroga —baseada na obra de varios escritores vinculados co municipio— acompañado con música. Para o día 27 do mesmo mes está programado un obradoiro de elaboración de instrumentos musicais na capital do municipio. O 13 de setembro, por outro lado, ofrecerase un percorrido musical polo val da Seara.

Recuperar sons perdidos

Segundo explica Blanco, «o que se fai nestas actividades é recuperar os sons tradicionais que xa non se escoitan nos espazos que percorremos». Se a ruta pasa por un lavadoiro público ou pola beira dun río —continúa— «reproducimos eses sons perdidos utilizando instrumentos como as táboas de lavar». Se a actividade se desenvolve nunha das fervenzas que existen na comarca de Quiroga, «o que facemos é reproducir os cantos dos paxaros e os sons doutros animais utilizando follas, tripas e outros materiais que se empregaban tradicionalmente para iso», engade.

Xavier Blanco sinala así mesmo que todas as actividades desta clase que organiza a súa fundación «están contextualizadas nos lugares en que se desenvolven» e recuperan métodos tradicionais de producir música mediante instrumentos simples, que poden consistir en utensilios de uso diario ou estar elaborados con materiais naturais. «O que pretendemos é recrear o ambiente que existía nestes lugares e a música e os cantares que acompañaban todos os traballos, porque o concepto que había antes era que para traballar había que estar alegre», agrega.

Confección de instrumentos tradicionais que os asistentes poderán levar para as súas casas

O obradoiro de instrumentos que se impartirá en Quiroga o 27 de xullo seguirá a mesma pauta doutras actividades deste tipo que organiza habitualmente a Fundación Legar. «As persoas que asistan a este obradoiro poderán aprender a confeccionar cinco instrumentos con canas e outros materiais, que despois poderán levar para as súas casas», sinala. «Preferimos usar o termo ‘confeccionar' e non ‘fabricar', porque a fabricación é algo máis complexo e require o uso de ferramentas cortantes que non usamos nestas actividades, nas que só se empregan lixas e outros materiais sinxelos», engade.

Á marxe das iniciativas incluídas no programa turístico municipal para este verán, a Fundación Legar organiza numerosas actividades deste tipo na comarca de Quiroga e na serra do Courel desde que inaugurou o sen centro museístico da Seara. «Desde entón da fixemos moitos obradoiros e cursos de cantigas tradicionais, e visitamos lugares como a aldea de Vieiros, a lagoa de Lucenza e a Devesa da Rogueira», indica Xavier Blanco. 

Proxecto sobre as sobreiras

A fundación ten agora en proxecto unha serie de actividades de divulgación da música de raíz baseadas na sobreira, unha árbore característica deste territorio. «En Quiroga hai un bosque importante de sobreiras e tamén outro en Froxán do Courel, e a cortiza destas árbores tense usado tradicionalmente para moitas cousas, como construír colmeas, fabricar artesas e tamén instrumentos de música», comenta.

Contactos

 Para asistir ás actividades do programa Descubrir Quiroga hai que apuntarse na oficina de turismo ou no correo turismo.quiroga@eidolocal.es. Pódese tamén pedir información no 982 435 125. Para contactar coa Fundación Legar hai que chamar ao 622 832 227.