Iker Codesido, mellor deportista monfortino absoluto: «O meu obxectivo é clasificarme para o mundial do ano que vén en Perú»

LEMOS

CEDIDA

O atleta da Gándara é un dos corredores con más proxección de Galicia

08 jul 2025 . Actualizado a las 15:17 h.

O atleta da Gándara, Iker Codesido, foi elixido mellor deportista monfortino do 2024. O corredor recibiu o recoñecemento na Gala do Deporte de Monforte que se celebrou o luns a última hora da tarde na casa de Cultura Lois Pereiro. O galardoado asegura que este recoñecemento é un plus que o motiva a seguir competindo por obxectivos cada vez máis ambiciosos. E un deles é clasificarse para o campionato do mundo que se celebrará o ano que vén en Perú. Iso si, o seu soño é poder competir nuns Xogos Olímpicos.

—Que supón para vostede ser recoñecido como o mellor deportista monfortino absoluto?

—Un orgullo e unha honra. Este recoñecemento supón un espaldarazo a miña traxectoria e pon en valor o traballo que estou facendo. Queda claro que vou polo bo camiño. Ademais é un plus de motivación para continuar nesta dinámica. E todo grazas ao meu adestrador e ao equipo. Aproveito para felicitar a todos os nominados na gala.

—Leva unha tempada inmaculada, verdade?

—Non me queixo. Conseguín tres campionatos galegos en cross, nos 1.500 e nos 3.000 metros. Obtiven un segundo e un terceiro posto en absoluto, e ademais fun noveno no campionato de España. A tempada vai ben.

—Onde a pechará?

—Pechareina dentro de tres semanas competindo no campionato de España na modalidade de 1.500 metros. Será en Badaxoz. O meu obxectivo é clasificarme para a final. O importante por enriba do resultado final é deixar todo na pista.

—A súa tempada ten mérito. Non hai que esquecer que fixo 2º de BAC e a selectividade, e non lle foi mal, menuda nota, como a súa mellor marca na pista.

—[Sorrí] Si saquei un 12,036. Hai que esforzarse e ser bo en todo. Non ó toca pensar no presente, senón tamén no futuro.

—E que carreira escolleu?

—Quero estar con Rubén Macaná, e por iso estudarei Educación Primaria en Lugo. O meu obxectivo é que el siga sendo o meu adestrador.

—Que significa Rubén Macaná para vostede?

—Marcou unha época na miña vida. É o meu segundo pai, porque non só está o que me ensinou como atleta, senón tamén o que aprendín como persoa. Considero que é o meu pai deportivo. Axudoume a madurar como deportista e como persoa. E sei que se continúo con el lograrei grandes cousas.

—Cal é o seu soño como atleta?

—A miña prioridade agora é traballar forte e competir ben para clasificarme para disputar o campionato do mundo do vindeiro ano en Perú. Todas as miñas forzas vanse centrar aí. E o meu gran soño é poder competir nos Xogos Olímpicos. Entendo que iso é o soño de calquera deportista.

—Polo talento que atesoura e polo traballo que fai, vostede ten todas as papeletas para aspirar a calquera dos dous campionatos.

—Oxalá! De verdade, sería o máximo. Porei todo da miña parte para conseguilo.

—A quen lle adica este recoñecemento como mellor deportista absoluto de Monforte do ano 2024.

—Adícollo aos meus pais, aos meus avós, o meu adestrador, os meus compañeiros e a miña irmá.

—Por certo, a súa irmá Alma tamén respira deporte polos catro costados, non si?

—Si. Xoga ao voleibol. De feito acaba de competir coa selección galega no campionato de España por autonomías. Acabaron sétimas. Pero Alma é moi boa. Ten moitísimo talento. É unha excelente persoa, que sempre está aí para apoiarme cando, ás veces, as cousas non saen tan ben.

—Que mensaxe lle traslada aos nenos e rapaces que están comezando no deporte?

—Primeiro, que gocen, e despois, que traballen forte para acadar as súas metas. Que non desistan, porque calquera obxectivo é posible adestrando ben. Anímoos a que continúen traballando forte, pero, sobre todo que gocen.