Quiroga recorda a Uxío Novoneyra no lugar onde collía o autobús

La Voz

LEMOS

A estela foi inaugurada por Uxío Novo, fillo do poeta, e polo alcalde José Luis Rivera
A estela foi inaugurada por Uxío Novo, fillo do poeta, e polo alcalde José Luis Rivera CONCELLO DE QUIROGA

Unha estela dedicada ao poeta foi inaugurada xunto aos antigos almacéns El Derroche

21 jul 2025 . Actualizado a las 13:20 h.

O poeta Uxío Novoneyra quedou incorporado á ruta «Quiroga, territorio literario» coa inauguración dunha estela conmemorativa recén instalada nesta localidade. O acto contou coa participación de Uxío Novo, fillo do escritor, e do alcalde José Luis Rivera. A estela foi colocada diante do edificio do antigo establecemento comercial El Derroche, onde Novoneyra —cando residía na súa aldea natal de Parada do Courel— agardaba habitualmente polo autobús de liña que o levaba a outras partes de Galicia.

No acto inaugural, Uxío Novo recordou a vinculación do poeta con Quiroga e a sús amizade con numerosos veciños deste municipio. Pola súa parte, o alcalde cualificou a xornada como «un día moi importante para Quiroga, polo que hai que darlle a relevancia que ten». Durante o acto puido escoitarse unha gravación na que Novoneyra recita os seus propios poemas. Este audio foi editado na web do Concello de Quiroga, nun apartado dedicado á ruta literaria. A inauguración da estela foi acompañado dun percorrido guiado pola ruta literaria, conducido pola escritora Celia Díaz e complementado con actuacións do músico Xavier Blanco.

A estela foi instalada xunto ao edificio dos antigos almacéns El Derroche, onde Uxío Novoneyra agardaba polo autobús de liña
A estela foi instalada xunto ao edificio dos antigos almacéns El Derroche, onde Uxío Novoneyra agardaba polo autobús de liña CONCELLO DE QUIROGA

A instalación da estela conmemorativa foi financiada polo plan de sostibilidade turística do consorcio da Ribeira Sacra, que tamén custeou a creación da ruta literaria, inaugurada no 2023. Este itinerario discorre por diversos lugares relacionados coa vida de varios escritores naturais do municipio ou vinculados directamente con el. Na ruta figuraban xa Eduardo Moreiras, Ernesto Guerra da Cal, Ánxel Fole, Manuel María, Luis Losada e as irmás Pura e Dora Vázquez. O itinerario pertence á asociación Religa —creada o pasado ano— que engloba varios museos, fundacións e espazos literarios de Galicia.