Rafael Castillo, neto dunha vítima do franquismo: «Son o secretario do Concello do que era alcalde o meu avó cando o fusilaron»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

Rafael Castillo (á dereita), co alcalde da Pobra, José Luis Maceda, no pleno que este venres retirou a Franco a alcaldía honorífica deste Concello
Rafael Castillo (á dereita), co alcalde da Pobra, José Luis Maceda, no pleno que este venres retirou a Franco a alcaldía honorífica deste Concello CONCELLO DA POBRA DO BROLLÓN

A corporación municipal  da Pobra do Brollón destitúe a Franco como alcalde perpetuo

23 nov 2022 . Actualizado a las 12:07 h.

Que Francisco Franco era o «alcalde perpetuo» da Pobra do Brollón non parecía lembrar a ninguén neste municipio ata que hai uns meses Rafael Reboiro deu coa acta oficial de 1967 que incluía aquela homenaxe ao ditador. O autor dese descubrimento é o secretario municipal da Pobra do Brollón, pero el non é só iso. Tamén é neto de Antonio Reboiro, o alcalde deste Concello da comarca de Lemos en 1936, fusilado despois do golpe militar que aquel ano iniciou corenta anos de ditadura franquista. Este venres, o pleno da corporación da Pobra tomaba unha dobre decisión: anulou aquel recoñecemento honorífico a Franco e deulle á biblioteca municipal o nome de Antonio Reboiro a modo de homenaxe  oficial póstuma.

—O nomeamento de Franco como alcalde perpetuo foi aprobado hai 54 anos. Por que tardou tanto en chegar esta revocación?

—Son o secretario do Concello do que era alcalde o meu avó cando o fusilaron, pero é que non sabíamos da existencia dese recoñecemento a Franco. Demos con el hai pouco e de xeito fortuíto. Estabamos buscando un expediente sobre unhas compras de terreos e vimos isto. A documentación recente está dixitalizada e pódese buscar calquera cousa por palabras dun xeito rápido, pero coa de hai 50 anos hai que ir mirando folla a folla.

—Ninguén no Concello sabía daquel acordo de 1967?

—Ninguén. De feito, eu hai anos xa buscara para comprobar se o Concello da Pobra aprobara algún recoñecemento deste tipo a Franco, pero busquei na documentación dos anos 40 e 50. Aqueles eran os tempos de maior exaltación fascista e cando este tipo de homenaxes eran máis habituais. Moitos concellos o facían. O caso é que non atopei nada porque non cheguei tan lonxe como ata o ano 1967, unha época na que xa mandaban no réxime os tecnócratas do Opus Dei e a Falange perdera poder.

—Hai algunha explicación no expediente que deixe ver por que unha declaración así naquel momento?

—Ningunha, pero é que tampouco encontramos o expediente, senón as actas, os acordos nos que se lle ofrece ao ditador ser nomeado e el acepta.

—E que fixo cando deu coas actas?

—Poñelo en coñecemento do alcalde. Fun falar con el e díxenlle que tiña aí un nomeado alcalde que lle estaba facendo sombra e que habería que destituílo [risas]. Pero é que ademais coincidiu casualmente con que eu tramitara ante o Goberno central unha solicitude de recoñecemento para o meu avó como vítima do franquismo, unha posibilidade que ofrece a Lei de Memoria Democrática. E a resposta co recoñecemento oficial chegou practicamente ao mesmo tempo que atopei o de Franco como alcalde perpetuo. Pareceunos moi acaído facer coincidir as dúas cousas.

—Que foi o que lle pasou ao seu avó?

—Foi concelleiro e despois alcalde deste Concello. Era un dirixente do Partido Agrario Radical Gallego. O fundador dese partido, Amador Guerra, foi padriño de bautizo da miña nai e a miña tía, así que debían ter unha relación de amizade. Detivérono aos poucos días do golpe de estado do 18 de xullo de 1936. Mentres o levaban para Monforte conseguiu escapar cando pasaban polo barrio da Estación da Pobra, segundo me contaron algúns veciños. Tras fuxir ocultouse na montaña de Saa. Pasado un tempo foi para a súa casa en Santalla de Rei e botaba o día agochado nunha especie de zulo oculto con herba no que era a corte e pola noite saía para durmir na súa cama. Pero alguén deu o chivatazo e viñeron unha brigada de falanxistas de Eirexalba e obrigaron aos meus tíos, que daquela tiñan 13 e 15 anos, a retirar a herba que ocultaba o agocho. Cando o viron detivérono e levárono para o cárcere de Monforte. De Monforte foi trasladado a Lugo e alí fusilárono o 7 de marzo de 1938.

—Foi sometido a xuízo. Baixo que acusación o condenaron?

—Rebelión contra o goberno lexítimo, ser masón, incitar ás masas e ter intención de cortar unha estrada para requisar armas.

—Cando se enterou desta historia? Contábase abertamente na súa familia?

—Non. Coñecina cando eu xa era maior de idade. Sóubena sobre todo polo que me acabou contando a miña nai. E contoumo como un segredo. A miña avoa viviu con moito medo toda a súa vida. Cando hai 40 anos eu fixen as oposicións e pedín destino na praza da Pobra do Brollón ela dicíame: «Como se che ocorre ir aí, que hai moi mala xente». O seu mundo fora sempre pouco máis que a súa parroquia, era como se pensase que a guerra fora na Pobra. Como se noutros sitios non mataran a ninguén.

—Que familia deixou o seu avó cando o mataron?

—Dous fillos de 13 e 15 anos e dúas fillas de 3 e de 5, esta última a miña nai. E a miña avoa a cargo de todos.

—Foilles complicado saír adiante despois diso?

—Moito. Por exemplo, cando viñan os viaxantes comprar patacas negábanse a ir á casa de miña avoa a collelas. . Tíñanllas que levar os meus tíos á estrada.

—Por medo?

—Supoño que por desprezo e por facer méritos ante a xerarquía.

«Gustaríanos poñer as súas cinsas na tumba da miña avoa»

O avó de Rafael Reboiro non foi, nin moito menos, a única vítima da represión desatada na Pobra do Brollón tras o triunfo do golpe contra a República. Para unha homenaxe oficial organizada no 2011 ás vítimas locais do franquismo, o Concello da Pobra averiguou que 61 veciños sufriron represalias durante un franquismo. E que 21 deles foron asasinados en 1936 e nos anos posteriores.

—A que se dedicaba profesionalmente o seu avó?

—Era labrego e carpinteiro.

—Canto tempo levaba de alcalde cando comezou a guerra civil?

—Foi concelleiro desde o comezo da Segunda República en 1931 e alcalde despois das eleccións municipais de febreiro de 1936.

—Houbo máis represaliados na corporación local da Pobra do Brollón?

—Si. Foron asasinados cinco integrantes da corporación. Un deles, Dositeo Vega Casanova, no mesmo lugar e ao mesmo tempo que o meu avó.

—Pasaron 64 anos da súa morte. Este recoñecemento chega tarde?

—Si, pero polo menos chegou. Agora o que nos gustaría á familia é recuperar o cadáver, que foi enterrado nunha fosa común xunto á tapia do cemiterio de Lugo. Pero sabemos que é difícil, porque ese cemiterio foi pechado e eses corpos trasladados a outra fosa común no novo camposanto. O que cremos que se pode facer, e o que nos gustaría, é que o Concello de Lugo organizase unha incineración dos restos soterrados nesa fosa común para deixar alí unha parte desas cinsas e entregarlles unha pequena cantidade ás familias. Así poderíamos poñer as cinsas do meu avó na tumba da miña avoa e a miña nai e a miña tía terían onde ir poñer unhas flores e rezar.