Xurxo Fernandes, Mondra e Abril, no noveno festival As Cores do Outono da Pobra do Brollón

La Voz MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

Xurxo Fernandes é un dos artistas que actuarán no festival As Cores do Outono 2023, que se celebra en A Pobra do Brollón
Xurxo Fernandes é un dos artistas que actuarán no festival As Cores do Outono 2023, que se celebra en A Pobra do Brollón MARCOS MÍGUEZ

O festival terá lugar os días 22, 23 e 24 de setembro

05 sep 2023 . Actualizado a las 18:46 h.

O festival de música galega de raíz As Cores do Outono, organizado polo Concello da Pobra do Brollón, celebrará a súa novena edición os días 22, 23 e 24 de setembro na área recreativa Samugueiros. O cartel da edición 2023 de As Cores do Outono conta con tres propostas musicais que fusionan a tradición con outras culturas, ritmos e instrumentos.

O sábado 23 será o día forte do festival, cunha sesión de concertos que comezará ás 21:00 horas na área recreativa Samugueiros.

O primeiro grupo en subir ao escenario será Abril, un trío vigués que interpreta melodías tradicionais galegas e tamén do resto da península con arranxos e ambientes sonoros máis actuais.

A continuación, o público poderá gozar co espectáculo «Levaino», do músico Xurxo Fernandes e a súa banda, unha suxerente viaxe entre Galicia e o Mediterráneo oriental.

O cartel pecharase coa actuación de Mondra, un proxecto renovador que mestura a tradición coa electrónica e o baile contemporáneo.

Os concertos contarán coa presentación das Brindeiras da Guimaralia, un grupo de mulleres que recuperan a tradición oral galega. Ademais, antes dos concertos haberá dous obradoiros de baile impartidos por Ruth Pérez na Praza da Condesa, no casco medieval da Pobra do Brollón. O primeiro será de iniciación ás 18:00 horas e o segundo de perfeccionamento ás 19:00 horas.

O festival tamén inclúe actividades para todos os públicos o venres 22 e o domingo 24. O venres ás 20:00 horas na área recreativa Samugueiros (ou na Casa da Cultura ‘Olga Novo' en caso de chuvia) haberá un espectáculo de circo titulado Autoestopista galáctico, da compañía Pistacatro, que combina ciencia ficción, clown e transformismo.

O domingo ás 19:00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo' rematará o festival coa obra teatral O Auto do Castromil, escrita por Manuel María e dirixida por Quico Cadaval. A obra está protagonizada por Rocío González, Victor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez, que levarán ao público por unha viaxe onírica abordo dun coche de liña «a través da curiosa historia da Galiza».

As Cores do Outono é un festival organizado polo Concello da Pobra do Brollón co financiamento da Deputación de Lugo. A inscrición nas actividades é gratuíta e pode realizarse no teléfono 982432001 ou no correo electrónico cultura@pobradobrollon.gal.