A auga da traída volve ser potable na Pobra do Brollón, dez días despois

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

Fotografía difundida onte polo Concello na que se ve que o Lor volve baixar limpo pola zona da Barxa
Fotografía difundida onte polo Concello na que se ve que o Lor volve baixar limpo pola zona da Barxa CONCELLO DA POBRA DO BROLLÓN

O Concello levantou este mércores as restriccións ao consumo na zona de Barxa do Lor e o xoves fará o mesmo no resto dos lugares que estaban afectados

21 sep 2023 . Actualizado a las 19:43 h.

A auga da traída pública da Pobra do Brollón volverase poder consumir este xoves, segundo anunciou o Concello. Este mércores quedaron levantadas as restricións que pesaban sobre o ramal da traída que dá servizo á zona de Barxa de Lor. Esta volta á normalidade chega dez días despois de que a auga comezase a chegar ás casas contaminada por lodo. Era a consecuencia da combinación das choivas intensas dos días previos e a situación na que están os montes que arderon no incendio de xullo do 2022 despois das talas masivas de madeira dos últimos meses, nunha situación propicia para os arrastres de lama.

O alcalde da Pobra do Brollón, José Luis Maceda, anunciou este mércores a través dun bando que a auga na zona de Barxa de Lor volve ser potable e que este xoves tamén o será a que a traída capta na zona de Loureiro. «As analíticas xa están dando os parámetros óptimos para a potabilidade», explica o alcalde.

A turbidez da traída remitiu despois de que desaparece unha das dúas causas que a provocaron. Coa fin das choivas intensas era cuestión de días que o nivel de lodo na traída baixase abondo como para que a auga se puidese volver consumir sen risco para a saúde.

O alcalde anuncia ademais que levará ao vindeiro pleno unha proposta para rebaixar o prezo que pagan os veciños que teñen as súas casas conectadas á rede municipal de abastecemento de auga. A rebaixa será proporcional ao tempo que a auga non foi potable, nove días no caso da zona de Barxa de Lor e dez na de Loureiro. O PP local reclamou estes días que o Concello non cobrase pola auga ata que non volvese ser potable.

En canto ás medidas a tomar para evitar que volva suceder, o alcalde asegura estar traballando na procura dunha solución técnica que dea resultados a medio e longo prazo.

Nesta liña, este luns desprazarase á Pobra do Brollón un representante da empresa monfortina Lincold Ibérica para analizar a rede de abastecemento de auga e propoñer melloras.

«A rede do concello, herdada de gobernos anteriores, precisa melloras estruturais complexas e custosas», admite José Luis Maceda. Para facilitar esas melloras, o Concello tratará de implicar a outras administracións.