A Pobra do Brollón celebra o seu festival de brindos na parroquia de Ferreiros

La Voz MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

Un momento da edición do 2024 do festival Brincadeira, na parroquia de Ferreiros
Un momento da edición do 2024 do festival Brincadeira, na parroquia de Ferreiros CONCELLO DA POBRA DO BROLLÓN

O Brindadeira chega este ano á súa terceira edición

15 jul 2025 . Actualizado a las 13:18 h.

A parroquia de Ferreiros, na Pobra do Brollón, volve converterse este sábado 19 e domingo 20 de xullo no epicentro da tradición oral co festival Brindadeira, unha iniciativa que busca recuperar o brindo, un xénero de improvisación cantada propio da comarca e tamén doutras zonas da montaña lucense e do Bierzo.

Organizada polo Concello da Pobra do Brollón en colaboración coa asociación veciñal de Ferreiros, esta terceira edición terá lugar no local social e no campo da festa parroquial, cunha programación diversa e de entrada libre.

A xornada comezará ás 18:30 horas cun obradoiro de brindos dirixido a público de todas as idades. Ás 20:00 horas, dará comezo un espectáculo de brindo e regueifa co colectivo Erre que Erre, seguido dunha actividade de micro aberto para quen queira participar.

Ás 21:00 horas, a música tomará o protagonismo co concerto dos cantareiros de Cántigas e Frores, procedentes de Lugo. Para pechar a noite, La Sincereza DJ porá a música nunha sesión para bailar.

O domingo comezará ás 11:30 horas cunha andaina pola aldea de Ferreiros, guiada por veciños e brindeiros. Ao final do percorrido, celebrarase no campo da festa a primera edición da cata de tortillas Brindadeira. Os participantes poderán levar as súas propias tortillas para compartir, e as tres máis votadas recibirán un premio.

Brindadeira xurdiu en 2023 como un proxecto do Concello da Pobra do Brollón pensado co obxectivo de revitalizar esta tradición oral.