Aves de primeiros de setembro

BÓVEDA

O adianto das xornadas ornitolóxicas de Bóveda permitiu capturar este ano algunhas especies pouco vistas na comarca

08 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O grupo ornitolóxico coruñés Hércules e grupo naturalista Hábitat encargáronse durante a pasada fin de semana de realizar os anelamentos de aves que desenvolven cada ano no municipio de Bóveda diversos colectivos galegos dedicados ao estudo de avifauna. Nesta ocasión os ornitólogos decidiron adiantar a operación, que normalmente se leva a cabo dúas ou tres semanas máis tarde, o que permitiu capturar varias especies que habitualmente non eran observadas nesta zona. En total, os investigadores conseguiron capturar e anelar 148 exemplares de 26 especies diferentes, o que ao seu xuízo demostra novamente a importancia que ten o Val de Lemos para o seguimento das rutas migratorias que cruzan o territorio galego.

Segundo indica Francisco Rosende, do grupo Hércules, o feito de adiantar as xornadas de anelamente a principios de setembro serviu para detectar un importante paso de especies como o saltón do sur ( Locustella luscinioides ou buscarla unicolor en castelán) e o chasco norteño ( Saxicola torquata ou tarabilla norteña), que en anteriores ocasións no puideran ser capturadas en Bóveda ou que apenas foran rexistradas. Así mesmo, permitiu determinar con moita precisión o momento en que comezou o paso pola zona da papuxa das amoras ( Sylvia atricapilla , curruca capirotada en castelán). «Esta especie comezou a entrar precisamente o pasado domingo, porque o sábado aínda non a conseguimos localizar», apunta Rosende.

Papuxas

Como é habitual nos anelamentos realizados na zona, os ornitólogos tamén puideron capturar exemplares doutras especies do xénero das papuxas, unhas aves moi características da fauna da comarca: papuxa común ou curruca zarcera ( Sylvia communis ), papuxa picafollas ou curruca mosquitera ( Sylvia borin ) e papuxa cabecinegra ou curruca cabecinegra ( Sylvia melanocephala ).

A estas capturas hai que sumar as doutras especies como paporroibos, trigueiros, picafollas, ferreiriños, carrizas, verderolos, merlos, folosas amarelas, picanzos vermellos e papasmoscas negros, entre outros. «Non hai dúbida de que esta é unha zona potencialmente moi rica en calquera tipo de especies», comenta Francisco Rosende a este respecto.

Ademais das capturar e anelar representantes de numerosas especies, os investigadores tiveron a oportunidade de observar un exemplar de peneireiro cinzento ( Elanus caeruleus ou elanio azul), unha ave rapaz procedente da área mediterránea que se está expandindo actualmente polo noroeste e que xa foi avistado en Bóveda nos últimos anos.

Os anelamentos realizados en setembro neste municipio son de especial interese para os grupos ornitolóxicos, debido ás dificultades que teñen para efectuar observacións deste tipo no intererior de Galicia, onde por agora apenas contan con colaboradores. Estas xornadas, polo tanto, son unha das poucas ocasións que teñen para seguir as rutas migratorias do interior. Nas áreas costeiras, onde están asentados case todos os colectivos ornitolóxicos galegos, son tamén as que se investigan dunha forma máis continuada.

Nesta ocasión, o traballo foi feito por dúas persoas, o mencionado Francisco Rosende e Miguel Maestro. Para capturar as aves, durante o sábado e o domingo armaron oito redes cunha lonxitude total duns cen metros. «Foi unha pena que non viñese máis xente, como noutras ocasións, porque nese caso poderíamos ter armado máis redes e facer máis capturas, pero non foi posible», conclúe Rosende.