A película «A rabia», rodada no Incio, Folgoso do Courel e Bóveda, recrea o mundo rural de principios do século XX
16 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Os municipios do Incio, Folgoso do Courel e Bóveda serviron de escenario para a filmación de A rabia, unha curtametraxe dirixida por Alberto Díaz que recrea a Galicia rural de principios do século pasado. O guión do filme baséase en parte en feitos reais vividos por unha bisavoa do director na parroquia de Martín -en Bóveda, de onde é natural o cineasta- e a historia ten unha certa relación coa situación actual. «Un irmán da protagonista da película é mordido por un lobo que lle transmite a rabia», explica o director. «Ao escribir o guión, en plena pandemia, pareceume interesante facer unha reflexión sobre a dureza da vida neses tempos e sobre como se padecían as enfermidades nesa época en comparación coa nosa», engade.
A curtametraxe terá unha duración de entre doce e dezasete minutos, segundo as estimacións do director, pero a rodaxe resultou particularmente complexa. Por unha parte -sinala Díaz- trátase dun filme de época, polo que requiriu un especial coidado na ambientación e na dirección artística. Neste aspecto, os responsables do proxecto encontraron un importante apoio na obra da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, que retratou o mundo rural galego na década de 1920. «É un material moi potente que nos axudou moito en aspectos como o vestiario e o ambiente da época», apunta o realizador.
Un equipo numeroso
Na filmación -que se levou a cabo entre finais de xuño e principios de xullo- participaron por outro lado numerosas persoas. «En total chegou a haber cerca de 35 persoas, o que é un equipo moi grande para ser unha curtametraxe», di Alberto Díaz. Entre eles figuran os coñecidos actores Antonio Durán Morris, María Vázquez e Xosé Antonio Touriñán. «Non foi nada fácil xuntar tres actores importantes da escena galega nunha curta e que lles cadrasen ben as datas a todos, pero ao final foi posible», agrega o realizador. No filme tamén aparecen como figurantes varios veciños dos municipios onde se desenvolveu a rodaxe. O feito de que na película participan nenos e o uso de certos efectos especiais -como unha simulación de néboa sobre os bosques- engadiron máis complexidade á filmación. «Foi case como facer unha longametraxe concentrada en moi pouco tempo», di a este respecto o director.
Os responsables do proxecto resaltan por outro lado o apoio dos concellos de Bóveda, O Incio e Folgoso do Courel, así como dos veciños que colaboraron dunha forma ou outra na rodaxe. En recoñecemento, teñen previsto proxectar o filme en sesións privadas nestes municipios cando a obra estea terminada.
Unha obra breve que servirá de base para unha longametraxe
A intención do director de A rabia é tomar este filme como base para realizar máis adiante unha longametraxe. «A curta baséase en cousas que sucederon na infancia da miña bisavoa e quero darlle continuidade con novas historias que corresponderían a outras épocas da súa vida», explica. O cineasta sinala que isto non significa que a curta se vaia manter como tal cando se faga a longametraxe, limitándose simplemente a engadirlle novas partes. «Probablemente haberá que filmar de novo o que se conta en A rabia, pero dándolle outro tratamento», precisa.
A versión final de A rabia estará totalmente terminada entre novembro e decembro, segundo as previsións dos responsables do proxecto. A película empezará a circular o ano próximo no ámbito dos festivais especializados. «A nosa idea é estreala nalgún festival europeo importante e despois poñela a circular noutros festivais», di o realizador. A rabia é cuarta curtametraxe de Díaz, que realizou antes os filmes Stringless, Lembranza e Exhalación, ademais de dúas longametraxes de baixo presuposto. Tamén ten participado como produtor en numerosos proxectos.