Xosé Casar, poeta: «O Poetry Slam de Bóveda é o primeiro de Galicia que se celebra nun concello rural»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

BÓVEDA

Xosé Casar, o organizador do certamen, durante un recital de poesía celebrado na rúa
Xosé Casar, o organizador do certamen, durante un recital de poesía celebrado na rúa CEDIDA

Natural e veciño da parroquia de Ribas Pequenas, Casar organiza un certame de poesía recitada que comezará o día 25 e durará ata novembro

03 mar 2023 . Actualizado a las 10:44 h.

Xosé Casar Gómez (Bóveda, 1957), reside desde hai dous anos na súa parroquia natal de Ribas Pequenas, á que regresou despois de pasar tres décadas traballando en Barcelona como taxista. A editorial monfortina Peruchela Edicións publicou recentemente o seu libro Pretiño do Mao. Casar é o organizador do primeiro Poetry Slam —unha competición de poesía orixinal recitada— que se celebrará no municipio de Bóveda e en todo o sur da provincia. A actividade organizarase en colaboración co Concello e terá lugar no centro sociocultural municipal.

—Como xurdiu a idea de organizar en Bóveda esta competición?

—Estes certames levan organizándose en moitos lugares de España desde hai anos. Eu mesmo tomei parte sete veces e gañei nunha ocasión. En Galicia téñense celebrado en varios municipios, como Santiago, e esta mesma semana comeza outro en Carral, na provincia da Coruña. Pareceume unha idea interesante organizalo tamén en Bóveda, porque estas competicións celébranse normalmente en cidades, en ámbitos urbanos. O de Bóveda é o primeiro de Galicia que se celebra nun concello rural.

—Cales son as normas?

—Nestes certames poden participar todas as persoas que o desexen, recitando poemas orixinais da súa autoría. A recitación do poema non pode durar máis de tres minutos. Pode durar menos tempo se así o queren os autores, pero non pode sobrepasar ese límite de tempo. Non hai xurado e o público é quen escolle aos gañadores a través dunha votación. Os participantes non poden servirse de ningún atrezo, de música ou de calquera outro efecto adicional. Non poden utilizar máis que a súa voz e o seu corpo. Se non queren recitar de memoria o poema, poden ler o texto nun papel, nunha tableta ou nun teléfono móbil.

—En que idiomas se pode competir?

—Pode ser en galego, en castelán ou en calquera outro idioma. Iso depende do que decidan os participantes. O idioma é libre, o mesmo que a temática dos poemas.

—E que sucede se en Bóveda se presenta alguén recitando un poema en vasco ou en inglés, por exemplo?

—Pode intentar convencer ao público mediante a súa maneira de recitar, a súa voz e a súa xestualidade, aínda que os asistentes non comprendan o texto do poema. En todo caso, iso decídeno os propios participantes. Tamén poden recitar os poemas en máis dun idioma se así o queren e se teñen tempo suficiente dentro dese límite de tres minutos.

—Os gañadores do certame de Bóveda poderán competir despois nun ámbito máis amplo?

—Existe una rede estatal na que poden competir os gañadores dos certames locais. Este ano aínda non o poderemos facer, porque para ingresar nesta rede, un certame local ten que ter celebrado ao menos seis encontros ou combates. Pero poderemos facelo para o ano que vén.

—Cre que unha actividade deste tempo pode atraer a moita xente a Bóveda?

—Espero que si. Nos certames que se organizaron antes noutros lugares chegou a xuntarse moito público. En Santiago celebrouse o ano pasado a final estatal e tivo que repartirse en tres días sucesivos. O certame celebrouse no Teatro Principal, que se encheu durante esas xornadas. En xeral, estas competicións atraen a un público numeroso.

Cinco encontros entre marzo e outubro, e unha final en novembro

O primeiro Poetry Slam de Bóveda comprenderá cinco encontros —denominados combates— que comezarán o día 25 e continauarán en maio, xuño, setembro e outubro. En novembro haberá unha final na que competirán os vencedores de cada combate e os que queden en segundo lugar en cada temporada. No certame poderá inscribirse calquera persoa maior de idade. Os combates constarán de dúas roldas, polo que os participantes deberán presentar dous poemas en cada encontro. As peticións de inscrición poden enviarse ao correo bovedaslampoetry@gmail.com. Os solicitantes teñen que indicar os seus nomes e apelidos, e se queren utilizar un pseudónimo no certame, deben incluílo tamén. No correo, ademais, deben presentar dous poemas en formato pdf, que non teñen que ser necesariamente os que reciten na competición. Non haberá selección nin sorteo. Quedarán inscritos os sete primeiros correos enviados e dúas reservas.

Os solicitantes recibirán un correo no que se lles indicarán os pasos que deben seguir. As bases poden consultarse no perfil do certame en Facebook. Os premios serán de carácter simbólico e consistirán en cuncas adornadas cun deseño do miradoiro do Alto do Coto.