
A próxima edición celebrarase en Rubián o 14 de xullo
06 may 2025 . Actualizado a las 18:45 h.O Concello de Bóveda convocou un certame para elixir o cartel anunciador da feira tradicional Outrora, que celebrará a súa edición número 21 o próximo 14 de xullo na localidade de Rubián. O deseño gañador do concurso será premiado con 400 euros. O prazo de entrega dos traballos terminará o 6 de xuño.
Segundo establecen a bases, ao certame poderán presentarse todas as persoas que o desexen, excepto as vinculadas coa organización e os seus familiares en primeiro grao. Os menores de 16 anos tamén poden concursar, contando coa autorización dos adultos responsables. Os carteis orixinais deben ser de 42 x 59 centímetros, de formato vertical, e teñen que incluír o texto «XXI Feira ‘Outrora'. Rubián. Bóveda. 14 de xullo de 2025». O tipo de letra é de libre elección. A técnica será libre e nos carteis deseñados mediante ordenador, no caso de gañar o certame, o autor debe achegar o soporte e o formato dixital que se lle requira. É necesario conservar o formato en capas para poder facer modificacións no seu caso.
Os traballos poden presentarse de dúas formas. Unha delas é en tamaño orixinal, sen firma do autor e cun lema ou pseudónimo que figure escrito na parte posterior. O cartel debe ir acompañado dun sobre pechado que levará escrito no exterior o mesmo lema ou pseudónimo, os datos persoais, o número de teléfono e o enderezo electrónico do autor. Neste caso, os traballos deberán presentarse na oficina de rexistro do Concello de Bóveda.
A segunda opción é enviar o traballo por correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeboveda.com. Neste caso, os deseños deben ter un tamaño real de 42 x 59 e presentarse en formatos jpg e pdf a 300 ppp. É conveniente cargar tamén as fontes que se utilicen no cartel. No texto do correo deben especificarse os datos persoais do autor e o lema ou pseudónimo co que se desexa participar.
Desde o Concello sinalan que o concurso pode declararse deserto no caso de que os traballos presentados non alcancen a calidade necesaria. O fallo do xurado do certame darase a coñecer na semana seguinte á fin do prazo de recepción e o seu fallo será inapelable. Os carteis presentados ao certame poderán ser expostos ou reproducidos polo Concello de Bóveda sen que iso supoña ningún dereito de retribución para os autores.