TRIBUNA | O |
13 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.INSTALADA nunha cómoda e nihilista autocompracencia, a sociedade vive tranquila mentres lle vira as costas aos seus membros máis cualificados. Os días 13 e 14 deste mes celébrase en Chantada unha homenaxe a Xosé Lois García. E moitos haberá que se pregunten quen é o Xosé Lois e cal é o motivo polo que se lle rende esta homenaxe. E a poucos envergoñará ignorancia tamaña. Aínda sabendo que os malfeitores tamén levan unha harmoniosa e pracenteira existencia malia practicaren condutas que a sociedade rexeita e condena sen miramentos. Nin sequera esta analoxía os incomoda. Aducirán algúns o feito de non residir aquí, e outros, quizá con máis razón, fixaranse no inculcado hábito na nosa sociedade de vivir de costas a ela mesma e rir coma se nada, e aínda haberá quen xustifique o inxustificable alegando que cousa así sucede en todas partes. Desculpas baratas para tratar de tapar as nosas miserias. O Xosé Lois é un destacado articulista incansable divulgador da cultura galega en Cataluña, ensaísta, crítico, poeta, membro de honor da Uniâo de Escritores Angolanos, pois sempre foi espírito moi sensible aos valores da lusofonía. Alá van máis de cincuenta libros publicados por el, en galego, catalán ou portugués. Hai uns días presentounos Do Faro ao Miño , que ven ampliar aquel máis breve alá de hai máis de 25 anos (1978). Un libro que é percorrido polas terras e xentes de entre Faro e Miño, no que soubo encerrar en palabras o ar que liberan os versos e el recolleu nestas páxinas. Un libro no que se cantan ademáis das terras e xentes, a flora e fauna, os oficios ou as igrexas, cruceiros e petos de ánimas. Un libro de homenaxe e gratitude, que tamén é unha arma contra o esquezo, a única verdadeiramente afectiva, a que inmortaliza a arte. Agora, a nos os chantadeses todos, fícanos a obriga de non sermos ingratos (outra vez)