A comarca de Chantada leva o seu románico á Rede

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Divulgan en Internet imaxes de 27 igrexas medievais da zona

25 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada creou a primeira páxina de Internet centrada na divulgación desta parcela do patrimonio monumental da Ribeira Sacra. O sitio, no enderezo romanicodechantada.org, está aínda en construción, pero xa contén unha ampla selección de imaxes das igrexas románicas da zona.

A web presenta os monumentos repartidos en tres seccións, correspondentes a cada un dos municipios da comarca. No apartado de Carballedo figuran as igrexas de Aguada, Chouzán, Lousada, Oleiros, Pradedo, Búbal e A Cova; no de Chantada, as de San Miguel do Monte, Bermún, Mouricios, Requeixo, Viena, Pesqueiras, San Salvador de Asma, Nogueira, Muradelle, Fornas, Camporramiro e Brigos, e no de Taboada, as de Bouzoá, Castelo, Cerdeda, Piñeira, San Xulián do Campo, Bembibre e Taboada dos Freires. A páxina inclúe ademais varios artigos do escritor chantadino Xosé Lois García acerca deste patrimonio.

A pesar da súa importancia, o románico da Ribeira Sacra ten unha presenza moi limitada en Internet. Unha das excepcións é o sitio web do Ecomuseo de Arxeriz -no municipio do Saviñao-, que contén unha sección sobre as igrexas románicas da zona onde se inclúe un mapa que permite localizar boa parte destes monumentos medievais nas zonas lucense e ourensá.