Xosé Lois García reedita o libro «Simboloxía do románico de Pantón»

Monforte / la voz

CHANTADA

19 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O escritor chantadino Xosé Lois García presentará o venres a segunda edición do seu libro Simboloxía do románico de Pantón, publicado por primeira vez en 1999. O acto celebrarase ás oito da tarde no salón de plenos da casa consistorial de Ferreira e contará coa presenza do conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez.

Este libro foi o primeiro que García dedicou ao estudo da iconografía das igrexas románicas da Ribeira Sacra. Con anterioridade xa editara outra obra similar, Simbologia do românico de Amarante, que analiza os monumentos medievais deste municipio portugués, pertencente á rexión do Tâmega. Este ensaio foi editado orixinalmente en lingua portuguesa.

García publicaría posteriormente outras dúas obras centradas no patrimonio románico da Ribeira Sacra: Simboloxía do románico de Sober, aparecida no 2008, e Simboloxía do románico de Chantada, do 2010. En todos estes traballos, o autor analiza a decoración escultórica das igrexas románicas tentando decifrar as mensaxes relixiosas e morais que encerran. Para estas análises baséase noutros estudos sobre a historia da arte e en investigacións sobre a cultura medieval, a antiga simboloxía relixiosa e os textos bíblicos. No 2012, García editou ademais unha Guía románica do Ribeiro.