Juan Carlos Varela (Chantada Centro): «O noso obxectivo principal é que non haxa outra maioría absoluta»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Juan Carlos Varela di que presenta un programa electoral «conciso pero factible»
Juan Carlos Varela di que presenta un programa electoral «conciso pero factible» CEDIDA

Varela espera que a súa lista independente sexa chave de goberno

16 may 2023 . Actualizado a las 10:59 h.

Juan Carlos Varela Fraga (Chantada, 1974) é candidato á alcaldía por Chantada Centro, unha das dúas novas listas independentes que se presentan ás eleccións neste municipio. Na actualidade traballa como técnico de mantemento no Hospital Público de Monforte. Varela formou parte no seu día de Inta, a candidatura independente que encabezou o actual alcalde na época en que estivo distanciado do PP. «Non foi unha experiencia moi boa, porque traballei moito para esa formación e ao pouco tempo prescindiron de min», afirma.

—Con que finalidade se creou esta candidatura independente?

—O noso obxectivo principal é conseguir que non haxa no Concello outra maioría absoluta do PP. Se o goberno local segue dependendo exclusivamente dun único grupo e do que decida o alcalde, seguiremos na mesma situación dos últimos catro anos. Durante este mandato non se fixo nada por Chantada, excepto no último mes, no que se puxeron a traballar todas as empresas de formigón e aglomerados do municipio. Entendemos que hai que traballar constantemente durante catro anos e non só no último mes antes das eleccións. Hai que visitar todas as parroquias do municipio para coñecer os problemas e as necesidades dos veciños, e tratar de resolvelos.

—Que posibilidades cre que ten de conseguir ese obxectivo?

—Sabemos que é difícil, porque esta vez compiten seis partidos e as eleccións van ser moi disputadas, pero esperamos ser a chave para formar un novo goberno municipal. Somos un partido novo que non ten moita experiencia política, pero temos moitas ganas de traballar.

—Cales son as liñas principais do seu programa electoral?

—Levamos un programa moi conciso pero factible. Non queremos presentar un programa de goberno con cen ou douscentos puntos, como se fai moitas veces, para logo non cumprir nada ou case nada do que se prometeu. Unha das liñas principais consiste en tomar medidas para atraer empresas ao municipio e que as que hai aquí non se vaian a outros lugares. Se conseguimos gobernar ou formar parte do novo goberno local, unha das primeiras cousas que faremos será informarnos en detalle sobre as condicións en que se encontra actualmente o polígono industrial e a partir de aí estudar a maneira de aproveitalo ao máximo. Non temos moita información a ese respecto, porque somos un partido novo e nunca estivemos na corporación. Tamén queremos traballar para mellorar as infraestruturas e as vías de comunicación das áreas rurais, conseguir outra ambulancia para o municipio e potenciar o Camiño de Inverno.

—Propoñen medidas específicas para apoiar ao sector agrogandeiro?

—Nese aspecto parécenos moi importante conseguir que a ITV agrícola veña con máis frecuencia ao municipio. Na actualidade hai moitos gandeiros que non conseguen que lles dean unha cita para revisar os seus vehículos, porque a ITV visita Chantada moi poucas veces e todo o tempo dispoñible para as revisións está ocupado pola cooperativa. Ten que vir con máis frecuencia para atender a todos os demais.

—Organizarán actos para presentar publicamente a candidatura?

—Pensamos que esta época do ano é pouco adecuada para organizar actos públicos nun municipio como o noso, porque agora hai moita xente ocupada cos traballos do campo. En vez diso estamos visitando aos veciños porta a porta, entregándolles folletos e explicándolles o noso proxecto. Penso que esa é a mellor presentación que se pode facer.

Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.