Iago Suárez, número 4 do BNG de Lugo: «Un dos problemas do sur provincial é a emigración da xente nova»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

CHANTADA

Iago Suárez, diputado más joven del BNG.
Iago Suárez, diputado más joven del BNG. cedida

O veciño de Chantada vai a ser un dos parlamentarios máis novos da vindeira lexislatura

20 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Iago Suárez Fernández (Carballedo, 1997) estrearase como deputado do Parlamento despois de ser elixido no cuarto posto da lista do BNG pola provincia de Lugo. Formado como tradutor e intérprete, traballa como xornalista e é membro do grupo de rap TIAM Gz. Ata hai pouco representou á formación Galiza Nova no consello comarcal do BNG do sur lucense, pero con anterioridade non ocupara ningún outro cargo público. «Entro pola porta grande», comenta. Reside en Chantada, aínda que pasa moito tempo en Santiago por motivos laborais.

—Que lle pareceron os resultados electorais na provincia?

—É certo que o obxectivo principal non se cumpriu, porque non se conseguiu que houbese un cambio no Goberno galego, pero a nivel provincial os resultados foron positivos, porque o BNG logrou aumentar a súa representación, seguindo a constante das últimas convocatorias electorais. Xa houbo un cambio, porque a xente perdeu o medo a votar polo BNG e confío en que seguiremos crecendo.

—Cales son as cuestións que lle parece máis urxente levar ao Parlamento?

—Son da zona sur da provincia, onde hai moitos problemas graves pendentes de resolver. Para min os máis importantes pódense resumir en tres e un dos maiores é a emigración da xente nova. A nosa zona é unha das máis castigadas de Galicia en canto á falta de saídas laborais, o que fai que a xente nova siga tendo que ir buscar traballo a outros lugares es isto agrava aínda máis o noso descenso demográfico. Isto relaciónase con outro dos nosos tres grandes problemas, que é falta de industrialización. Esta é unha das cousas que hai que reclamarlle ao Goberno galego no Parlamento, que se faga todo o posible por axudar a reindustralizar este territorio e para crear emprego, para que poidan volver os que se foron e que non teñan que marchar os que seguen índose por falta de oportunidades.

—E cal sería o terceiro problema?

—Temos unha falta alarmante de servizos de todo tipo. No ámbito sanitario hai unhas carencias moi graves nos servizos que ofrecen o Hospital Público de Monforte e os centros de saúde dos outros municipios. Tamén padecemos unha eivas tremendas en canto á mobilidade e os transportes públicos, tanto nas conexións con outros territorios como entre as diferentes localidades da zona. Penso que estas tres cuestións son prioritarias para a provincia e que debemos insistir nelas na nosa actividade no Parlamento.

—Como integrante dun grupo de música, que opinión lle merece a situación actual deste sector?

—Ultimamente a música en galego está tendo un crecemento exponencial, cada vez hai máis grupos e máis calidade, e creo que o futuro é prometedor neste sentido. Pero a nivel institucional non vexo que haxa apoio á música feita en Galicia e en galego, que case non ten presenza nos medios de comunicación públicos. O que lle temos que esixir á Xunta neste aspecto é que a música en galego teña máis peso na televisión e na radio públicas.