... Non o venden cen listos

Andrés Pavón

CHANTADA

08 mar 2024 . Actualizado a las 16:34 h.

A gripe de 1918 demostraba que unha pandemia por infección respiratoria era posible. A codicia que caracteriza a mafia demostraba que a invasión de Ucrania era posible. A orixe volcánica da illa da Palma demostraba que a erupción era posible. Pero nin Biden, nin Putin, nin Xi Jingping, e moito menos Pedro Sánchez, podían prever o acontecemento que marca o principal cambio da era das telecomunicacións: xubílase o Amarante.

Para descanso de porcos, xatas, pitos e ata coellos e años, este noso insigne carniceiro de Chantada colga o coitelo. Agora anuncia que vai ver o sector cárnico dende o outro lado, dende o dos gandeiros. A pequena escala, eso si, como fai con todo...especialmente á hora de dar o cambio das compras. O que está claro é que se no negocio da alimentación tivo máis éxito que no de representante de orquestras, pódese pensar que no da gandería ha triunfar máis que co da carne. Visión comercial non lle falta.

Para a historia quedan frases gloriosas. «Butelo non hai. Pero fágocho. Como se fai?». Ou a de «dille a X que, se ten moitos cartos, a puta está aquí». E é que o certo foi que co andar dos anos, polo menos para min, a carnicería do Amarante volveuse máis un centro de diversión que un negocio cárnico. Teño, coido que todos temos, pasado tardes alí de conto, meténdonos con el, facéndolle e recibindo bromas súas...e todo sen ter que consumir, a diferencia do que pasa nos bares.

Lembro cando rompeu o tendón de Aquiles e se sentaba agochado na parte traseira para controlar negocio e clientela. Ata que un día houbo quen dixo que na Peroxa tiña moita sona a carne do «coxo de Chantada». Ese día ergueuse como Lázaro e tirou co bastón.

Máis aló das anécdotas, o Amarante forma parte da fauna dese triángulo das Bermudas que compoñen a parada de taxis, o Mocambo e o xulgado. Que, por certo, raro que non teñamos acabado neste último máis dunha vez os que temos a sorte de vivir nese máxico recuncho.

Tamén pode ser que a inmediatez e a urxencia que caracterizan a nosa época estean reñidas cos métodos, digamos pouco apresurados, cos que traballa o noso protagonista e por eso optara pola xubilación.

Debo decir que o Amarante foi sempre un home de palabra. Cando se comprometía a algo, facíao sempre. Pode que non no mesmo día. Nin na mesma semana. Ou ata nin no mesmo ano. Pero sempre cumpriu.

Pouco a pouco nese tramo da avenida de Monforte vaise dando o inevitable relevo xeracional e os personaxes e negocios que o definiron dende hai trinta anos son sustituídos por outros novos. Pero non é tempo de poñerse nostálxicos. Porque o Amarante seguirá pululando pola zona e agora con máis liberdade para meterse con nós e para oílas. E o negocio queda en boas mans.

O título deste artigo fai referencia a unha das súas frases favoritas: «O que compra un tonto non o venden cen listos». Claro que, agora que o penso, díxomo a min unha vez que me vendeu un xarrete que máis parecía falda...