«Con sentidiño»

Uxío Lorenzana CHANTADA

CHANTADA

11 jul 2024 . Actualizado a las 20:40 h.

Perdín a conta das veces que calquera persoeiro do Partido Popular de Galicia mete con calzador a frase «con sentidiño». Ao primeiro que llo oín foi a Alberto Núñez Feijoo. E Alfonso Rueda debeu pensar que se ao primeiro lle valeu para gañar as eleccións catro veces, por que non o ía empregar el. Tras Rueda, cada novo conselleiro que quere facer ver que o seu labor é encomiable tamén solta a frase: «Con sentidiño!».

Deben crer que recitar esa expresión paternalista fainos calar ante calquera ocorrencia. De feito, lémbrame aos sábado pola noite de cando eu tiña 17 anos, cando a miña nai me dicía antes saír pola porta cos meus amigos: «Andade a modo, ‘con sentidiño', e non trasnoitedes!!». Por iso, cando escoito a calquera destes políticos co seu slogan «con sentidiño», amólame moitísimo. Debe de ser o subconsciente, pois a diferenza da miña familia, que pretendía que pensásemos as cousas antes de facelas, dáme a sensación de que estes persoeiros dino co sentido máis pexorativo, coma se fósemos parvos.

A min paréceme que «sentidiño» é o que lle falta ao anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste 25 de abril sobre o acordo de información pública da solicitude de autorización do proxecto LAT 220 KW SET PE Chao do Marco - SE Belesar- SEC Soilán. Afecta a Becerreá, Baralla, Láncara, Sarria, Paradela, O Saviñao e Chantada, sete concellos unidos por case 100 quilómetros de liñas de alta tensión para evacuar «con sentidiño» ata cinco parques eólicos da montaña luguesa.

Con todo, o premio gordo lévao outra vez Chantada. Concretamente a asoballada parroquia de Pesqueiras, cunha subestación para recoller a enerxía deses parques eólicos, máis os que queiran incorporar a maiores desde o Farelo ata Lugo, para despois facer camiño de volta ata a central de Belesar. Pero todo «con sentidiño». Ademais desta aberración en solo rústico de máis de 13.000 metros cadrados xunto a casas habitadas en Pesqueiras, pretenden ampliar a subestación de Vilela en Chantada e facer outra máis ao lado.

Dixo un amigo meu que se fose pola Xunta chegarían as liñas de alta tensión da central nuclear de Zaporiya (Ucraína) ata Belesar. Iso si, «con sentidiño».