Entre eles está o párroco de Chantada, o lalinense Manuel Areán
20 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado sábado celebrou xuntanza ordinaria o Club de Amigos da Boina de Galicia, nesta ocasión en Chantada, para nomear novos membros a Manuel Lorenzo Varela, alcalde deste concello lucense; Manuel Areán, cura párroco de Chantada, nativo da parroquia lalinense de Parada; Francisco Javier Rodríguez Medela, xerente do GDR Asociación Miño-Ulla; Juan Luís Méndez Rojo, director xeral de Vía Romana Adegas e Viñedos e Méndez-Rojo; Manuel Vázquez Regal, presidente da Asociación Cultural Amigos do Folión de Carros de Chantada; Luísa Rubines Álvarez, directora de Quinta Sacra; Xesús Mazaira Varela, socio e cofundador de Airas Moniz; Iñaki Castiñeiras Alemany, director de Xanela; Modesto Varela Pérez, encargado de Parques e Xardíns do Concello de Chantada e Francisco Javier Fernández Alonso, funcionario e Luis Fernández de Anguinao, avogado. Coa organización deste encontro correron Xosé Luís Cortiñas e Ramón Rodríguez Porto, membros do Club ben coñecidos en Chantada.
No acto, que tivo lugar no Pazo do Piñeiro, o presidente do Club de Amigos da Boina, o xornalista ourensán Antón Alonso Suárez e o secretario da mesma, o fotoxornalista lalinense Manolo Seixas Calviño, foron os encargados de poñerlle a boina aos novos membros, a quen fixeron entrega dos diplomas que acreditan esta distinción os socios máis veteranos. Para rematar, un xantar de irmandade no que non faltou a bendición a cargo do citado sacerdote Manuel Areán e a interpretación do himno galego, co medio centenar de asistentes postos en pé.
O Club de Amigos da Boina de Galicia, fundado hai tres anos en Lalín para fomentar a amizade e o uso da boina e crear un sentido de comunidade unindo a persoas de diferentes localidades galegas, conta con preto dun centenar de membros, os máis deles da comarca de Deza, onde celebrou as dúas anteriores xuntanzas anuais, tendo previsto distinguir este sábado, a catro membros da laureada Banda de Música de Vilatuxe, no transcurso da celebración do concerto anual da Santa Icía, patroa dos músicos.