Uxía, Rodrigo Cuevas e Califato 3/4, cabezas de cartel este outono no Courel

La Voz

FOLGOSO DO COUREL

Rodrigo Cuevas
Rodrigo Cuevas BASILIO BELLO

Actuarán no festival Eidos de Outono, xunto a Wöyza & The Galician Messengers, Babykatze, Sila Lua e os DJ Marta Toro e Xabi B

15 oct 2021 . Actualizado a las 19:10 h.

 O municipio de Folgoso do Courel acollerá a última fin de semana de outubro a segunda edición do festival Eidos de Outono, un certame que xunta literatura, medio ambiente e música contemporánea de diferentes estilos, desde a electrónica ao hip hop pasando por revisións actuais do folclore tradicional. Será o 31 e o 31 de outubro e máis o 1 de novembro en dous escenarios, a praza do Concello en Folgoso e a casa museo de Uxío Novoneyra na aldea de Parada.

Según anunciaron este xoves en Lugo responsables da Fundación Uxío Novoneyra, o Concello de Folgoso do Courel e a Xunta, o programa de concertos deste segundo festival Eidos de Outono inclúe actuacións de Uxía, Rodrigo Cuevas, e o grupo Califato 3/4. Tamén estarán presentes no festival a aposta pola música e a danza de Wöyza & The Galician Messengers, as propostas electrónicas de Babykatze e de Sila Lua e as sesións DJ con Marta Toro e Xabi B.

Na presentación desta programación que se celebrou este xoves en Lugo estiveron presentes Uxío Novo, da Fundación Uxío Novoneyra; a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. A Xunta achega 49.500 euros ao orzamento do festival.

Na Fundación Uxío Novoneyra presentan esta convocatoria como a versión musical do Festival dos Eidos, que se vén celebrando desde o 2015 tamén en Folgoso do Courel e centrado na poesía. Este Eidos de Outono é, explican os portavocesa da fundación, "a celebración da música e da expresión artística no impoñente marco natural da Serra do Courel, unha romaría do século XXI que aposta pola diversidade, a convivencia, a antidisciplinariedade e a exaltación da identidade propia en diálogo permanente coa comunidade global".

Na casa museo de Uxío Novoneyra en Parada celebrarase unha lectura do libro d'Os Eidos e máis un roteiro de avistamento de aves, que estará dirixido polo biólogo Xabier Pumariño. Os concertos de Uxía, Rodrigo Cuevas, Califato 3/4, Wöyza & The Galician Messengers, Babykatze e Sila Lua e as sesións de música con Marta Toro e Xabi B terán lugar en Folgoso do Courel.