Escenarios dos incendios do Courel filmados pouco antes do lume

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

Unha curtametraxe gravada en Vilar no 2022 é divulgada no mercado internacional

11 feb 2024 . Actualizado a las 18:58 h.

A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) incluíu un filme realizado no municipio de Folgoso do Courel no último catálogo Shorts from Galicia, unha marca que ten por obxectivo promocionar no mercado internacional as curtametraxes producidas na comunidade. Trátase de Corre o vento, un filme codirixido por Paula Fuentes e Guillermo Carrera que aínda está pendente de estrear. Xunto co catálogo, a Agadic está a distribuír un vídeo que recolle fragmentos dos filmes seleccionados para esta edición. Son nove obras en total, das que seis están terminadas e tres en curso de realización. O catálogo contén sinopses en inglés de todas estas pezas e as traducións dos seus títulos.

«Para nós é unha axuda moi importante, porque este catálogo vai ser presentado a seleccionadores de festivais internacionais de cine e teremos a oportunidades de que se interesen polo noso traballo», sinala Fuentes, natural de Folgoso do Courel. No catálogo de Agadic, Corre o vento foi traducido como Winds Blows By. O filme presenta a particularidade de que foi gravado no 2022 en diversos lugares do municipio que pouco tempo máis tarde serían afectados polos grandes incendios forestais que sufriu este territorio en xullo dese ano.

Un dos escenarios do filme é a aldea de Vilar, onde os incendios destruíron varias vivendas e queimaron o souto situado xunto á localidade. Os actores —non profesionais— que participaron en Corre o vento son veciños do municipio. Un deles é Juan Sánchez Rodríguez, coñecido como Xan de Vilar, un músico afeccionado e coleccionista de pezas de valor etnográfico. A súa colección, ao igual que a súa vivenda, ardeu no incendio do 2022. «Na película hai escenas filmadas na casa de Xan de Vilar e tamén no souto», di Paula Fuentes.

Unha dedicatoria

Os traballos de filmación sobre o terreo terminaron na primavera dese ano. Durante o 2023 desenvolvéronse as tarefas de montaxe e posprodución. «Ao final de Corre o vento engadimos unha dedicatoria aos veciños de Vilar que sufriron os incendios pouco tempo despois que rodásemos o filme neses mesmos lugares», explica a realizadora. «Cando o estabamos facendo non podiamos saber o que pasaría despois, pero o filme contén unha advertencia sobre o risco que supoñen os incendios forestais nos lugares que se están quedando sen veciños a causa da despoboación», agrega.

Unha obra que combina técnicas do documental e da ficción

A curtametraxe Corre o vento inscríbese no xénero coñecido como docuficción, que combina as técnicas do documental e das obras de ficción. A maioría dos actores son veciños de Folgoso, Ferreirós de Abaixo e Vilar. No filme aparecen todos como veciños dun único lugar, ao que os autores deron o nome de Vilar.

Cando realizaban as filmacións, os autores non podían supoñer que só uns meses despois a aldea de Vilar sería precisamenta a localidade do Courel máis afectada polos incendios do verán do 2022. «A min afectoume persoalmente, porque Vilar é a miña aldea familiar, onde vivían os meus avós, ademais de ser o lugar que inspirou a curtametraxe», sinala Paula Fuentes.

Para elaborar o guión de Corre o vento, os autores utilizaron as lembranzas persoais dos veciños que participan no filme, que tamén contén referencias á poesía de Rosalía de Castro —da que procede o título da obra— e Uxío Novoneyra. O tema principal da curtametraxe, segundo explicaron os realizadores cando estaba en curso de realización, é «a resistencia a abandonar os recordos fronte á súa desaparición».

Paula Fuentes indica que o filme contén algunhas imaxes de lume. «Introducímolas para apuntar que é o que destrúe a memoria e iso foi precisamente o que sucedeu ao pouco tempo en Vilar», explica. Aínda que os autores non o tiñan previsto, Corre o vento tamén servirá agora para lembrar como era a aldea de Vilar antes dos incendios.