


O personaxe do Nadal saiu de novo da súa casa na Devesa da Rogueira
30 dic 2024 . Actualizado a las 16:16 h.Sabido é que o Apalpador habita nas montañas, pero moitos aseguran poder concretar un pouco máis e sitúan a súa na Serra do Courel, nas terras do leste de Galicia. E entre eles, hai quen se atreve a concretar aínda máis e sostén que o fogar deste personaxe lendario do Nadal galego se atopa na devesa da Rogueira, o bosque de trescentas hectáreas que medra dende hai séculos ao pé do monte Formigueiros, no corazón do Courel. Así que aínda que o Apalpador percorre durante o Nadal moitos recunchos de Galicia, unha das súas aparicións máis esperadas é sempre a que ten lugar entre as árbores centenarias da Rogueira.
O Apalpador saíu esta fin de semana da súa casa no bosque para repartir castañas entre os nenos, escoitar as súas peticións e recoller as cartas que lle deixaron no seu buzón. Á saída agardaban por el un nutrido grupo de nenos e de veciños de diferentes puntos do Courel.
O acto estaba organizado, como é habitual nos últimos anos, polo Concello de Folgoso do Courel e a asociación Fonte do Milagro, o colecto que está detrás tamén da Festa da Pisa da Castaña que se celebra todos os anos a principios de decembro na aldea de Froxán.
Ata hai poucos anos, as tradicións relacionadas con este vello personaxe do Nadal estaban case esquecidas.
O Apalpador comezou a gañar popularidade a partir de 2008, grazas ao traballo de entidades como a asociación compostelá A Gentalha do Pichel, pioneira en editar un folleto divulgativo cun debuxo do personaxe realizado polo artista Leandro Lamas.
Un ano despois, foi publicado o conto infantil «O Apalpador», escrito e ilustrado por Xoán González Otero, que traballou como infógrafo en La Voz de Galicia.
Estes foron os primeiros pasos para recuperar e dar a coñecer a figura central das vellas tradicións de Nadal nas montañas de Galicia.