Vilamor do Courel recuperará a súa Xuntanza de Artesáns tras tres anos sen celebrarse
FOLGOSO DO COUREL

Será o día 31 e contará coa participación dunha vintena de especialistas en diferentes modalidades
25 may 2025 . Actualizado a las 19:33 h.A localidade de Vilamor, no municipio de Folgoso do Courel, recuperará o próximo día 31 a súa Xuntanza de Artesáns, que se celebrou por última vez hai tres anos. A xornada, que era organizada anteriormente pola asociación Fonte do Milagro, corre agora a cargo do colectivo O Quintairo.
Na nova edición, que será a duodécima, participarán ao menos 22 artesáns de diferentes modalidades que xa se inscribiron para asistir a esta xornada. «Hai algúns que virán doutras partes de Galicia, pero a maioría deles son de localidades non moi distantes», explica Manuel Vila, presidente da asociación organizadora. Entre as nove e ás dez da mañá será a recepción dos participantes, que abrirán os seus postos ás 11.00 horas. Como en anteriores edicións, os artesáns desenvolverán o seu traballo á vista do público na rúas da localidade durante a xornada.
Ás 13.00 horas, o pregón da feira será pronunciado por Xaneco Tubío, músico e fabricante de instrumentos. Media hora máis tarde haberá un pasarrúas a cargo do grupo Cantores do Courel. Pola tarde, a partir das 17.00 horas, celebrarase un acto de homenaxe ao antigo axente forestal Francisco de Paula López Rodríguez, falecido no 2017, que desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional no Courel. Natural da provincia de Granada, elaborou moitos dos letreiros indicadores de madeira que aínda hoxe poden verse en moitos puntos do municipio. Seguidamente, ás 18.00 horas, haberá actuacións de grupos de música tradicional. Ás oito tarde comezará un baile animado pola agrupación Courelóuzara e as 22.30 comezará unha foliada libre. Por outro lado, durante a xornada haberá servizo de polbo e churrasco.