O Filandón de Músicas do Courel celebrará o 3 de agosto a súa 28 edición
FOLGOSO DO COUREL

Estará dedicada a Jacinta Fernández Alonso e Antoño Fernández Gancedo, dous músicos populares falecidos este ano
27 jul 2025 . Actualizado a las 20:13 h.A antiga ferrería de Seoane do Courel acollerá o 3 de agosto a edición número 28 do Filandón de Músicas do Courel, un festival que conta coa categoría de interese turístico e cultural. Nesta ocasión estará dedicado á memoria dos músicos populares Jacinta Fernández Alonso e Antoño Fernández Gancedo, falecidos este ano.
As actividades comezarán ás 19.00 horas e comprenderán actuacións da compositora e cantante Carmen Penim e de dous grupos de cantareiras da comarca ourensá da Limia e da parroquia de Mens, pertencente ao concello coruñés de Malpica de Bergantiños. O cartel da xornada inclúe así mesmo actuacións do trío de violíns Tatiana Kostomarova e da orquestra Río Leira de Vilamartín de Valdeorras. Como é habitual, no festival actuarán tamén diversos artistas populares do municipio de Folgoso do Courel e doutras localidades. A organización do festival, por outra parte, entregará a chamada «Tésera da Hospitalidá» a Juan Manuel Merelles, director da axencia Turismo de Galicia.
Presentación dun libro
O programa comprenderá ademais a presentación a obra Cancioneiro sociolingüístico das Terras do Bolo, editada por iniciativa do músico e investigador Xosé Lois Foxo, natural do municipio de Folgoso do Courel e promotor do festiva. Foxo publicou con anterioridade varias obras que recollen as tradicións musicais da comarca.
As actividades incluirán tamén unha exposición audiovisual e bibliográfica sobre a música tradicional do Courel e outra de instrumentos musicais pertencentes a Manuel Vila, veciño da localidade de Vilamor. Haberá ademais unha mostra de produtos de alimentación típicos deste territorio.
A nova edición do Filandón de Músicas do Courel organízase co apoio do Concello e da fundación pública Artesanía de Galicia.