Exterminio de cisnes

MONFORTE DE LEMOS

A TRIBUNA | O |

27 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

«TUÉRCELE el cuello al cisne de engañoso plumaje que da su nota blanca al azul de la fuente»... Parece que en Monforte alguén tomou ao pé da letra a consigna que lanzou a principios do século pasado o poeta mexicano Enrique González, farto dos innumerables cisnes que naquela época abarrotaban as obras dos poetas e pintores modernistas. Tan ao pé da letra que xa nin esperou a que os cisnes nacesen e paseasen os seus elegantes pescozos polo Cabe. As pobres aves, ante o horror dos monfortinos, foron exterminadas por unha repentina crecida artificial cando aínda estaban no ovo. Non se sabe ben quen foi o responsable do desastre, pero seguramente habería que atribuír parte da culpa aos seguidores das ideas estéticas radicais, que, como é sabido, acostuman detestar a estampa do cisne. As paisaxes con cisnes parécenlles unha insufrible cursilería decadente, propia para decorar as tapas das caixas de bombóns. Aborrecen aquelas cousas que dicían Rubén Darío e tantos outros: «¿Qué signo haces, oh Cisne, con tu encorvado cuello al paso de los tristes y errantes soñadores, etcétera». Porén, os pobres bichos non teñen culpa desa cursilería e non deberían sufrir as súas iras.