
Outra vez, apenas un par de semanas despois, volvo voar sobre o val de Mondoñedo, empoleirado no viaduto do Fiouco, pensando no caso da A-6 en Pedrafita. Non o podo evitar, e sospeito que coma min, moitos viaxeiros. As infraestruturas son fundamentais, diciamos a semana pesada. Mais os riscos tamén existen. E a prevención (o mantemento desas infraestruturas) forma parte dos dereitos civís. Protexer as redes de comunicación (tamén internet), para que sexan espazos de progreso e de liberdade, garantindo a súa seguridade, é un dereito da cidadanía. Igual que protexer o servizo público da medicina, a educación, a xustiza, a información, a asistencia social, conquistas todas do Estado do benestar, que só valoraremos se algún día o perdemos. Protexer os dereitos democráticos, que parece que estiveron aquí dende sempre e son moito máis fráxiles do que pensamos, é unha parte do contrato social, que nos obriga a todos: á cidadanía no seu conxunto e aos xestores dese contrato, os políticos.
Estes días vén na prensa o caso desoutro paso de Monforte: un piar vencido que obrigou ao concello a cerrar o tráfico. Non quero pensar que aparecen agora os problemas porque alguén deu orde, moi razoable, por outra parte, de facer revisións. Nas últimas décadas demos pasos xigantescos. Con atraso respecto doutras comunidades, certamente, pero pasos moi importantes, en gran medida grazas aos fondos europeos. Mais non sempre actuamos con intelixencia. Explícome: a loucura de andar ás carreiras, por exemplo. Semella que o importante é chegar antes; a ser posible antes que o veciño da porta do lado. En vez de traballar na mesma dirección, competimos. Certo que o pais é disperso e son moitas as necesidades a atender, mais para iso está a intelixencia dos políticos, a planificación estratéxica e o coñecemento dos técnicos. Unha segunda cuestión: a administración dos recursos. Non por investir máis cartos se fan as cousas mellor. Agora falamos de derrubar urxentemente o viaduto de Pedrafita. Non haberá que garantir primeiro o coñecemento do que sucedeu? Terceira cuestión, moi importante: a honestidade e honradez dos que xestionan o ben público, fundamento básico para garantir a credibilidade do sistema. Non podemos permitir que diante de evidencias manifestas, indicios clamorosos, o persoal marche como se non pasase nada.
Este é un pais complexo. Rico e complexo. Como dixen varias veces: as infraestruturas son fundamentais. Quen non lembra aquel funil de Redondela, horas e horas pedindo paso para cruzar a vila, antes de que levantasen a ponte de Rande? Alguén imaxina volver atrás? Pois se non termamos das cousas, se non investimos no seu coidado e no seu mantemento, podemos volver atrás. Incluída a democracia, que parece que estivo aquí de sempre. Mentres non arranxen o tramo de Pedrafita, témome que aquilo vai ser outro gran funil.