«Tomé ten un problema con Severino e con Feijoo, non os dá quitado da boca»

MONFORTE DE LEMOS

O Candidato de Esperta Monforte di que sen plan xeral de pouco vale o «parche» da zona C
24 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Número dous de Esperta Monforte nas eleccións de maio do 2019, Germán Vázquez entrou na corporación un ano despois tras a renuncia por motivos persoais da que fora candidata alcaldía, Maribel García. Único representante deste partido municipalista na corporación, mantivo nestes tres anos a liña combativa da súa predecesora fronte ao «rodillo» do goberno municipal. Antes que concelleiro, foi aspirante a presidir o Club Fluvial e presidente do Centro Comercial Urbano (CCU). «Tamén fun secretario do Lemos tres anos! Descendemos, por certo», aclara con humor. «Fomos sanear o Lemos —engade— nun momento superdelicado. A ver se este ano mantén a categoría. Xa non estou na directiva, pero sigo a ser moi seareiro do equipo».
—O Club Fluvial, o CCU, o Lemos, a política... A vostede vaille a marcha, que se di.
—O certo é que, por desgraza, non hai moita xente que se implique no asociacionismo. É un problema que tamén teño observado na política. Tivemos unha xuntanza de expresidentes do CCU hai uns días, polo vinte aniversario da súa posta en marcha, e falamos precisamente diso. Antes na directiva do CCU eramos dez, agora son a metade.
[A conversa interrómpese nese momento. A entrevista é na nave da empresa de materiais de construción do concelleiro, que ten que atender de cando en vez as chamadas dos clientes.]
—As xeracións máis recentes non se implican en política e os que andan nos trinta tamén son remisos. A xente está menos implicada no común, vai máis ao particular. Hai desafección con respecto á política por iso e tamén porque nela hai comportamentos pouco exemplares.
—Nos pequenos concellos, hai medo a buscarse problemas?
—Se falamos de Monforte, penso que hai certo sectarismo por parte do goberno municipal. A xente prefire non posicionarse por medo a que non lle arranxen a rúa, a que non lle poñan un banco ou unha luz, ou a que lle poidan denegar unha subvención.
—Supoño que é máis duro facer política sen apoios na Deputación, na Xunta ou no Goberno central.
—Non é de recibo que o alcalde diga que a diferenza entre que a praia fluvial a pidamos nós ou eles é que eles teñen capacidade política para conseguila. Nós queremos entender que se Esperta Monforte chega a ter responsabilidades de goberno atopará —como calquera outro partido— as portas abertas da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia ou do Goberno do Estado. Se non fose así, entraríamos no terreo do Tito Berni.
—Onde levarían a praia fluvial?
—Nós empezaríamos a casa polos cimentos. Non pensamos que Monforte estea en condicións de ter unha praia fluvial apta para o baño mentres haxa verteduras de augas fecais ao río. Nós traballaríamos antes por acabar coas verteduras. Fai falta unha depuradora ben dimensionada. Tamén hai que ver se necesitamos unha zona de baño ou o complexo turístico de vacacións que propón o alcalde. Unhas piscinas poderían facerse con máis inmediatez e solucionarían o problema da falta dese tipo de espazos públicos.
—Traballando no sector da construción vese máis a necesidade dun plan xeral?
—Temos tan claro que fai falta o PXOM como a necesidade de facer peonil a ponte vella ou o rexeitamento á que queren facer na pasarela do Malecón. O plan de urbanismo é a ferramenta indispensable para definir o futuro da cidade, non valen pequenos parches como a zona C, B ou D. Así só se vai poder vivir no centro e temos moitos pisos baleiros e moitas vivendas en ruína.
—¿Segue a rexeitar a urbanización da zona C?
—Penso que hai que apostar máis pola rehabilitación que polos grandes escenarios onde se podan levantar douscentos pisos. Non vexo demanda para iso no actual contexto demográfico. A xente busca vivenda unifamiliar cun terreo onde ter un xardín ou poñer unha piscina, non o modelo de comunidades veciñais.
—A que aspiran en canto a resultados nas municipais?
—A formar goberno con calquera que apoie o noso programa.
—Tamén co PSOE?
—Sempre que Tomé se saque da cabeza estragar o Malecón, que acepte facer peonil xa a ponte vella e que se comprometa a poñer fin ás verteduras ao río e a acondicionar os outros pavillóns. Nós gobernaremos con quen estea por facer un Monforte máis atractivo, cos seus carrís bici e os vehículos circulando a trinta nas rúas urbanas. Iso non o din os de Esperta Monforte, está na normativa estatal.
—Tomé ten dito que Esperta Monforte naceu no despacho do anterior alcalde.
—Sempre foi especialmente belixerante con nós. Tamén co PP e bastante menos co BNG. Ten un problema con Severino [Rodríguez] e con [Núñez] Feijoo, non os dá quitado da boca.
«O problema demográfico está aí e vense case tantos cans como nenos nos parques»
Pai de dúas fillas, o candidato de Esperta Monforte non perde a esperanza de que poidan facer a súa vida en Monforte ao rematar os estudios. «Temos que atraer —apunta— novas empresas e defender os motores económicos de Monforte, que por emprego son o hospital, o concello e o polígono industrial».
—De que modo se pode axudar desde a oposición?
—Neste mandato levamos a pleno 48 propostas. Rexeitáronas todas, pero moitas están agora sobre a mesa. Venme á cabeza a iluminacións dos pasos de peóns ou os parques para cans.
—Onde cre que deben ir?
—Danos igual en Covas que en Ribas Altas, en Piñeira ou na zona do hospital. O que temos claro é que deben ser varios. Por desgraza, temos un problema demográfico e hoxe nos parques vense case tantos cans como nenos. Por certo, moitos pequenos teñen que ir a garderías doutros concellos por falta de prazas en Monforte.
—Vostede sempre estivo ligado ao deporte e cuestiona o investimento no pavillón da Pinguela.
—O problema está na falta de espazos. Moitos deportes adéstranse en espazos da Consellería de Educación. Non se poden investir case catro millóns de euros nunha instalación, para ter 1.200 asentos que se van encher dúas veces ao ano, mentres o pavillón de A Gándara está como está.
—Pero os outros pavillóns son da Xunta.
—Pois haberá que falar coa Xunta. Nós non estamos contaminados polo sectarismo político.
—O alcalde di que falaron coa Xunta, pero para poñer paus na roda do proxecto da nova ponte do Malecón.
—Imos facer todo o que esta na nosa man para que non obteña os permisos necesarios. A nova ponte ten que ir augas arriba ou augas abaixo, nunca no Malecón.
—Nin bandeirolas nin coche de propaganda, poden competir así cos outros partidos?
—O outro día, nun acto de campaña, o compañeiro que fai as fotos dicía que a imaxe de Tomé estaba por todos sitios. Non penso que o voto dependa diso ou de ter o coche da propaganda media hora aparcado xunto ao campo do Lemos coincidindo co último partido. Os monfortinos son máis listos. Os que votaron a Tomé para a alcaldía fixérono por Feijoo nas autonómicas.
—Que lle ensinou a política nestes tres anos?
—Que hai que ter moita paciencia e o meu temperamento a veces xoga malas pasadas.
O pirateo dos QR foi dende Indonesia
Os códigos QR incrustados na propaganda electoral co programa de Esperta Monforte foron pirateados o pasado xoves. «O que se nos di é que foi dende un repetidor en Indonesia. Cambiámolos onte [polo luns] porque son unha ferramenta fundamental na nosa campaña. Tamén sabemos que lle pintaron carteis ao PSOE e avogamos porque isto non suceda», di Germán Vázquez.
—Preferiron non compartir pegada de carteis cos outros partidos
—Fomos á Compañía porque xusto por debaixo está un dos principais focos de verteduras da rede de saneamento. Pereceunos mellor facer algo máis reivindicativo para abrir a campaña. Tratamos de ser diferentes, temos a sorte de non ser políticos profesionais. Non vimos á política para quedarnos, para ter un soldo e un coche oficial. Nese aspecto, non nos xogamos nada.
—Vostede di que só é a correa de transmisión no pleno do grupo aberto de organización de Esperta Monforte. Censurárono por facer política «asemblearia»
—Para min é un eloxio. Pensan máis dez cabezas que unha, hai máis puntos de vista, non un único enfoque das cousas. No goberno municipal funcionan polo ‘ordeno e mando' do seu líder. O día que lle falle o cabeza de lista, o PSOE aquí vaise diluír.