Xoán Xosé Fernández Abella

Xosé Luna

MONFORTE DE LEMOS

17 ago 2023 . Actualizado a las 21:19 h.

Non sei a quen cheguei,/ nin a onde cheguei/ pero tentei chegar/ ao voso corazón,/ dende o meu corazón,/ sinxelamente.»

Abella foi un poeta de verdade. Viviu xusto no epicentro, no corazón da poesía. A súa escrita, a súa vida, zumegou autenticidade por todas e cada unha das palabras, das estrofas. O seus versos rexos, fortes, vigorosos á vez que delicados, amorosos e reivindicativos forman parte de Nós, como o Pórtico da Gloria.

A súa voz foi todo un estralampo melódico, harmónico de tesón e paixón. Había unha

«cousiña» aínda mellor que ler a Abella, escoitalo. Moito lle gustaba cando o abaixo asinante dicía aquilo de «está demostrado polos investigadores da USC, o movemento de rotación da Terra detense cando recita o noso egrexio poeta».

Velaí a forza da súa palabra. A palabra do poeta a sobrevoar mainiño por entre as nubes do ceo do seu Monforte natal, da Auria dos seus poemas e artigos aurorais, da emisión Sempre en Galiza en Caracas, de Pontedeume, Rociana del Condado, da Universidade Popular de Ortigueira, do colexio de Roxos, dos Tilos, da Estrada, de Compostela? A palabra do mestre, todo un deleite para os sentidos. Ética e estética ao servizo de Galicia.

«(...) E ter a miña vida/ á túa consagrada,/ amor dos meus amores,/ miña sacra nación.»

Abella foi único.

Como ten dito Xesús Alonso Montero: «Non hai en Galicia hoxe un poeta celebratorio da magnitude e diversidade de Fernández Abella, quizais non o houbo nunca».

Posúe unha obra profunda, telúrica, cheíña de amor, que abrolla dende os mesmos piares da Terra. «Tras da vellez, agárdanos a morte,/ e un terror infinito nos asola,/ que

combatemos coa esperanza forte/ que o amor será quen salve, e nos consola/ coidar que nel teremos vida e norte,/ que non é unha esperanza va e tola./»

Alá arriba, no Ceo, o sol do verán reloce infindo, brillante, alumeando todos os recunchos da estrada da Vida. É a homenaxe póstuma que a nosa Terra lle tributa ao noso amigo, Xoán Xosé Fernández Abella. Un home bo e xeneroso. O pan da poesía. Descanse en paz.