Buscan en Monforte familias que acollan este verán nenos saharauis
MONFORTE DE LEMOS

Os organizadores teñen preparado un acto informativo para este venres no centro cívico do Malecón
06 jun 2024 . Actualizado a las 16:46 h.A oenegué Sogaps (Solidaridade Galega co Pobo Saharaui), organiza para este venres unha charla en Monforte sobre a acollida este verán de nenos dos campamentos de refuxiados saharauis, para que poidan pasar as vacacións fóra do deserto no que están recluídos. O acto terá lugar ás oito do serán no centro cívico do paseo do Malecón.
Os organizadores explicarán en que consiste o programa Vacacións en Paz, que permite traer nenos que viven o resto do ano nos campamentos de refuxiados situados na rexión de Tinduf, en Alxeria.
Eses nenos pasan os meses de xullo e agosto nas casas das familias galegas que participan nesta iniciativa. Este ano, a oenegué Sogaps proponse reforzar o programa con máis familias acoledoras, nomeadamente en Monforte en no resto da metade sur da provincia de Lugo.

O acto deste venres é o segundo que organiza Sogaps en Monforte despois do que tivo lugar o 16 de marzo. Está pensado para os que foron a aquel e queren obter máis información e tamén para os que non puideron estar pero teñen interese por coñecer o programa.
Xestións cos concellos
A charla será impartida pola presidenta de Sogaps, Maite Isla, que ampliará información e resolverá as dúbidas que as familias podan ter en relación con todo o que conleva participar no programa de acollida. Tamén informará sobre as xestións que se propoñen levar a cabo coas diferentes administración locais da comarca, ás que lles pedirán colaboración «para axudar o máximo posible ás familias que decidan acoller a través do programa Vacacións en Paz 2024».