O IES Daviña Rey organiza en Monforte a súa primeira feira de formación profesional

MONFORTE DE LEMOS

Cada departamento terá un posto no que explicará o seu traballo a estudantes de Primaria e de ESO
16 mar 2025 . Actualizado a las 10:55 h.O instituto Daviña Rei de Monforte organiza para a semana que vén a súa primeira feira aberta para que os estudantes de educación primaria e ESO da comarca coñezan as especialidades que se poden estudar neste centro. O certame chámase Feira de FP Daviña e nel os distintos departamentos deste instituto monfortino amosarán a través de obradoiros o resultado do seu traballo.
A primeira Feira de FP Daviña terá lugar os días 18, 19 e 20 de marzo, entre as dez e a unha. «A finalidade destas xornadas -explica Raquel Aira, a directora do instituto- é ofrecerlle á rapazada monfortina unha visión práctica do mundo da Formación Profesional e facela partícipe de contidos traballados nas familias profesionais que se imparten no Daviña Rey».
O instituto enviou información sobre esta convocatoria aos colexios de Monforte e aos dos concellos da comarca, coa intención de que organicen desprazamentos cos seus alumnos, principalmente cos de 6º de Primaria e os de 4º ESO.
Isto é o que se poderá ver estes tres días nos postos de cada un dos catro departamentos do IES Daviña Rey que imparten os ciclos de formación profesional dispoñibles na actual oferta do centro.
Automoción. O seu posto exporá unha moto que correu o último rally Dakar, un coche de competición, un taller para vehículos de carreiras e unhas instalacións con dispositivos de diagnose electrónica.
Rama sanitaria. No espazo dos ciclos da rama sanitaria os visitantes poderán ver unha exposición de maquetas e participar nun obradoiro de primeiros auxilios e noutro de saúde bucodental.
Electricidade e electrónica. O persoal que traballa nestes ciclos ofrecerá exposicións e demostracións de impresoras 3D, da cortadora láser que empregan no centro e de drons que se usan en telecomunicacións. Ademais os visitantes poderán participar nun obradoiro de programación mediante bloques denominado «Vincibot coñece o Daviña» e noutro denominado «Hackeo dunha cadea de produción». O posto de electricidade e electrónica exporá ademais unha maqueta ferroviaria de grandes dimensións.
Servizos á comunidade. Os ciclos desta especialidade exporán información sobre sistemas alternativos e aumentativos de comunicación como o bliss ou o braille, tarefas de costura básicas, elaboración de sobremesas saudables, axudas técnicas para a mobilidade persoal, para o manexo de produtos e para o coidado persoal de persoas dependentes, documentación do proceso educativo en educación infantil a través de imaxes e recollida de expresións orais, a creación de materiais didácticos con elementos da natureza e de refugallo, creación de materiais sensoriais para bebés con recursos da vida cotiá, ou manipulación de materiais pedagóxicos específicos, como o Montessori ou o Waldorf.