Lucía Roca, mellor deportista absoluta de Monforte: «Gustaríame acadar unha medalla nun mundial»

Luis conde MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

CEDIDA

A taekuondista do Neka, que está a piques de cumprir 17 anos, apunta alto a nivel galego e nacional

08 jul 2025 . Actualizado a las 16:44 h.

A taekuondista do Neka, Lucía Roca, foi elixida mellor deportista feminina absoluta de Monforte. A súa traxectoria é ascendente, e con tan só 16 anos —en breve cumprirá os 17— suma numerosos campionatos e medallas. Con esa idade xa sabe o que é competir nun campionato de Europa e nun Mundial. A deportista local admite que non contaba ser algún día a mellor deportista monfortina, pero chegou ese recoñecemento. Asegura que é unha motivación extra para continuar competindo por obxectivos ambiciosos.

—Mellor deportista monfortina absoluta, contenta?

—Moi leda. É un orgullo que che fagan un recoñecemento como este. É un premio ao traballo que levo facendo dende os catro anos, que foi a idade na que comecei a practicar taekuondo.

—E esta tempada non o tivo doado, porque tivo que competir con rivais máis maiores que vostede, non si?

—Así é. Pero teño que dicir que a campaña saíu ben. Estou moi orgullosa dos éxitos que colleitei.

—Cales son os seus obxectivos de cara a vindeira tempada?

—Gustaríame volver competir no Mundial, porque foi unha das experiencias máis gratificantes da miña vida deportiva. Gocei moito, e ao mesmo tempo tamén aprendín. É verdade que non logrei medalla, pero participar no campionato do mundo serviume de experiencia.

—Cal é o seu soño como taekuondista?

—O meu soño sería conseguir unha medalla no campionato do mundo. Un Mundial e uns Xogos Olímpicos son o escaparate perfecto para calquera deportista.

—Como compaxina estudos e taekuondo?

—Todo é organizarse. Este ano fixen 1º de BAC, un curso complicado, pero todo foi ben. Saquei un 7,7 de media. Estudei ben e adestrei unhas dúas horas diarias. É verdade que cando compites por medallas tes que sacrificarte, e o que fas é reducir o teu tempo libre, porque os estudos son unha prioridade. Porque do deporte non vou vivir.

—Como se define como taekuondista?

—É difícil. Os meus adestradores din que teño talento e as calidades axeitadas para o taekuondo. Pero a clave do éxito está no día a día, no traballo, no adestramento. Son constante e comprometida.

—Qué supón Vega para vostede?

—É unha persoa moi importante para min. Máis que un adestrador, Vega é un amigo. Destaca pola súa cercanía e polo seu apoio constante. Tanto el como Eiriz están sendo claves na miña formación. Axúdanme a medrar como deportista e como persoa.

—Cal é o seu espello no Neka?

—Son moitos. Fíxome, sobre todo en Laura, Álex, Carlos e Marco. Son auténticos referentes, dos que, sen dúbida, aprendín e aprendo moito

—A quen lle adica este recoñecemento como mellor deportista feminina absoluta?

—Adícollo aos meus amigos, a miña familia e aos meus adestradores. Sen eles non tería logrado este recoñecemento. Son fundamentais.